Ribadeo, 11 de xullo de 2024. Exposicións, música, cine, presentacións, eventos temáticos ou festivais son algunhas das propostas da axenda cultural para o terceiro trimestre do ano en Ribadeo.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, dixo que “aínda que esta fin de semana vai ter lugar o evento cultural e festivo que máis público convoca –o Ribadeo Indiano-, o noso concello segue na liña de ter unha programación estable e de calidade, que inevitablemente nestes meses de verán medra exponencialmente”.
A edil ribadense relatou: “comezamos falando de artes plásticas e é que ata o 17 de agosto temos unha oportunidade única para coñecer a obra do escultor Rodríguez Osorio, tan vinculado a Ribadeo. As salas do forte San Damián acollen unha retrospectiva moi completa da súa traxectoria. Haberá exposicións todo o verán nos diferentes espazos: as salas da Casa do Viejo Pancho, do Campo de San Francisco e da oficina de Turismo. Fotografía, pintura e escultura son as disciplinas escollidas nesta programación. Destacamos a figura do ribadense Fernando F. Páez coa exposición As flores do meu xardín, mais neste verán podemos gozar da obra de Lourdes Casas, Ana Díaz Castaño, Concepción Millán, Félix Bravo, Manuel Parga ou Josequín Miláns”.
Sanjurjo contou que “coma sempre, incluímos na nosa programación o importante labor cultural de entidades asociativas do noso concello. A asociación Bruar foi a responsable da organización do curso de iniciación ao jazz e á música moderna; a Agrupación Cultural Francisco Lanza leva a termo as XXIII Xornadas de Historia Local, este ano dedicadas á actividade do porto de Porcillán; tamén queremos salientar o labor de formación en música e baile tradicionais da AC Amigos da Gaita e a organización da Xira; o Observatorio da Mariña pola Igualdade que nos trae un contacontos para público familiar; as Vacas Fracas que organizan a Cedofestiña; e a Asociación de Irmandamento de Ribadeo, anfitrioa da visita da vila de Loctudy, irmandada coa nosa. E aínda que non son estritamente culturais hai a outros eventos como o da Malla nas Anzas, a festa do Percebe en Rinlo ou a Carne ao Caldeiro de Remourelle, nas que as asociacións son os seus piares”.
A concelleira de Cultura sinalou que “hai tamén oco na nosa programación para presentacións varias. É o caso do recital musical e estrea da curtametraxe Os Camiños de Elías Valiña na Ponte arredor do Camiño Norte; o disco do pianista Leopoldo Erice Calvo Sotelo ou o libro-documental Saudade, arredor do emblemático grupo feminino de música tradicional. Tamén é un verán de eventos temáticos: coas xornadas Mar por Medio, a celebración do catrocentos aniversario do forte San Damián ou a celebración do centenario da morte do Viejo Pancho”.
“En canto á música, temos coma o ano pasado todos os mércores de agosto dedicados ao xénero do rock. ROCK BY ME inclúe no seu programa as formacións Giro Total, Berta Frankling, La indirigible e Sin ton ni son. O Festival Bal y Gay dentro da súa programación en Ribadeo ofrece dous concertos, o de música sacra coa Orquesta Nereydas e o de violín co intérprete Sergey Khachatrián.Teremos tamén un concerto de piano do intérprete ribadense Guillermo Cruzado Martín. A Banda de Música Municipal de Ribadeo acode ás súas tradicionais citas do verán: o concerto do Día da Patria Galega, música de cine, o do Día de San Roque, o do Día da Patroa…E para quen goste da música de bandas visítanos tamén a Banda de Merza”, explicou Begoña Sanjurjo, que engadiu que “afiánzanse as propostas festivaleiras da mocidade ribadense co Vendaval Fest e co Xara Fest. Non pode faltar tamén a Coral Polifónica de Ribadeo co seu concerto estrela, o das Habaneras dentro do Ribadeo Indiano e a colaboración coa AEEC no que tamén homenaxearán á figura do Viejo Pancho. Recibimos tamén a visita dunha das mellores formacións de danza tradicional como é Xacarandaina”.
A edil manifestou que “o eido da curtametraxe está representado por unha nova edición, a terceira, do Festival de Cine Curto de Ribadeo, que dirixe Carme Rodríguez.
Destacamos a presenza de X. A. Touriñán e Belen Tajes na súa gala final. E completando a oferta da área de Xuventude no que ten que ver cos pícaros e pícaras e o público familar salientamos a presenza do Mago Antón dentro da programación das Patronais, o contacontos de Raquel Queizás, os títeres das compañías Trécola e Kamante Teatro e Manolo Panforreteiro con dúas propostas arredor da música e a construción de instrumentos. Tamén da man deste artista imos ter a presentación ao público do labor dos Argadelos de Vilaselán e As Anzas, que actuarán no Centro de Día A Concordia e na escola das Anzas. Como vedes hai para todos os gustos. Vémonos arredor da cultura”.




























O grupo, composto por cinco mulleres e sete homes cunha media de 26 anos, foi recibido pola subdelegada do Goberno, Olimpia López, que lles agradeceu o compromiso co servizo público e destacou o papel esencial da Policía Nacional na seguridade cidadá. Oito axentes estarán na Comisaría de Lugo, dous en Monforte e dous en Viveiro. Ao finalizar as prácticas, escollerán destino definitivo segundo a puntuación obtida no proceso selectivo.
A iniciativa busca poñer en valor a diversidade cultural do municipio a través da gastronomía, convidando ás persoas de diferentes países a elaborar pratos típicos que se ofrecerán de forma gratuíta ao público. O Concello asumirá o custo dos ingredientes e asignará a cada participante un posto identificado co seu país de orixe. As inscricións poden realizarse ata o 29 de xullo enviando un correo a feiras@vilalba.es. Rouco chamou á participación para seguir construíndo unha Vilalba aberta e integradora, nunha feira que quere consolidarse como espazo de convivencia e dinamización da feira tradicional.
Ata o 4 de agosto poderán realizarse as renovacións, mantendo as tarifas aprobadas en asemblea: 200 € e 250 € para adultos, e acceso gratuíto para menores grazas ao convenio coa Fundación Imdecum, con opción voluntaria de abono infantil por 40 € con reserva de asento. A partir do 5 de agosto activaranse as novas altas. Os abonos poderán tramitarse a través de CLUBER ou presencialmente na oficina do club, con horario de mañá e tarde en xullo e só de mañá en agosto.
A Presidenta Carmela López destacou o valor deste produto emblemático da Mariña e o traballo do sector pesqueiro. Rocío Rivera e Herminia Pernas puxeron en valor a tradición mariñeira de Burela e o papel dos mariñeiros da Moncloa. O público degustou 450 tapas elaboradas con bonito nunha xornada que serviu de escaparate desta cita gastronómica e de convite a visitar Burela a próxima fin de semana.
As crianzas desfrutaron dunha refrescante xornada con inchables e xogos acuáticos na contorna do complexo deportivo da Veiga.
Trátase dunha mostra de 28 fotografías de gran formato do naturalista Ezequiel Martínez que reivindica a diversidade e a conservación da fauna salvaxe. A iniciativa, organizada polo Concello da Pastoriza en colaboración con ABANCA e Afundación dentro do proxecto Corrente cultural, poderá visitarse de balde ata o 26 de agosto. As imaxes, acompañadas de textos divulgativos elaborados por especialistas de Naturnova, amosan especies emblemáticas como o oso pardo, a cegoña, o cervo ou a aguia imperial, convidando a reflexionar sobre a importancia de protexer o patrimonio natural.



