Levará tamén unha moción en defensa do ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes
Lugo, 24 de xullo de 2026. O PSdeG levará ao vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará o martes no Pazo de San Marcos, dúas iniciativas centradas na protección do territorio e na garantía de servizos públicos para toda a provincia. Por unha banda, o PSdeG defenderá unha proposta de Goberno para reclamar á Xunta un novo modelo de prevención e defensa contra os incendios forestais; e, pola outra, levará unha moción en apoio á comunidade educativa e en defensa dun ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes.
Un novo modelo de prevención contra os incendios
A primeira das iniciativas, presentada como proposta de Goberno, reclama á Xunta de Galicia unha reforma integral da política de prevención e defensa contra os incendios, adaptada á nova realidade climática, territorial e demográfica de Galicia e, especialmente, da provincia de Lugo.
O texto advirte de que os lumes actuais son cada vez máis intensos, rápidos e difíciles de controlar como consecuencia do cambio climático, da acumulación de biomasa, do abandono da actividade agraria e da crecente proximidade entre as masas forestais e os núcleos habitados, situación que afecta especialmente ao Courel, Os Ancares, a Ribeira Sacra e a montaña lucense.
A voceira socialista, Pilar García Porto, advirte de que “xa non estamos ante o modelo de lume que coñeciamos hai dúas décadas”. “Galicia afronta unha nova xeración de grandes incendios de comportamento extremo, capaces de superar a capacidade de resposta dos dispositivos tradicionais e de poñer en risco simultaneamente vidas, vivendas, explotacións e patrimonio natural e cultural”.
A iniciativa sinala entre as principais carencias a falta dunha avaliación pública do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, a insuficiente execución das faixas secundarias de protección e a excesiva dependencia de contratacións temporais.
Por iso, o PSdeG reclama que a Xunta presente, nun prazo máximo de tres meses, unha avaliación do Plan Forestal; impulse unha reforma integral da política galega de prevención; execute con financiamento suficiente a xestión da biomasa nas faixas secundarias; e poña en marcha un Programa Galego de Paisaxes Resilientes baseado na silvicultura preventiva, na recuperación de terras agrarias abandonadas e nos mosaicos agroforestais.
A proposta pide tamén reforzar os recursos humanos, reducir a temporalidade, garantir dispositivos permanentes durante todo o ano e incrementar os investimentos en prevención. Inclúe, ademais, unha estratexia específica para Lugo e un Plan Galego de Prevención Local que defina as responsabilidades de cada administración e asegure a dotación económica necesaria.
Apoio á comunidade educativa e defensa do ensino público
A segunda iniciativa que o PSdeG levará ao Pleno é unha moción en apoio á comunidade educativa e en defensa dun ensino público de calidade, inclusivo, en galego e con recursos suficientes.
A formación advirte de que a escaseza de profesorado, as baixas sen cubrir, o aumento das ratios, a sobrecarga burocrática e a falta de persoal especializado, están dificultando o funcionamento dos centros e comprometendo a atención individualizada ao alumnado. Situación que resulta especialmente grave nunha provincia marcada pola dispersión, o envellecemento e o despoboamento, na que 66 dos 67 concellos teñen menos de 20.000 habitantes. Para as e os socialistas, a escola rural é esencial para garantir a igualdade de oportunidades, manter a cohesión territorial e fixar poboación.
A moción reclama á Xunta que aumente os cadros de persoal docente e educativo, axilice a cobertura das baixas e substitucións, baixe as ratios e aplique criterios específicos para protexer as unidades escolares dos concellos pequenos. Esixe tamén o compromiso de non pechar escolas nin unidades educativas no rural lucense.
A iniciativa demanda, ademais, unha redución da carga burocrática do profesorado, mellores condicións laborais, investimentos urxentes nas infraestruturas escolares e recursos suficientes para atender ao alumnado con necesidades específicas e ao recentemente chegado con descoñecemento da lingua. Así mesmo, reclama unha maior presenza efectiva do galego e servizos de transporte e comedor escolar adaptados á dispersión territorial.
Pilar García Porto resumiu que ambas iniciativas responden á necesidade de garantir “unha provincia segura, cohesionada e con servizos públicos que cheguen en condicións de igualdade a todo o territorio”. “A Deputación de Lugo, como institución próxima á cidadanía e comprometida coa defensa do rural, non pode permanecer á marxe destas realidades. A Xunta debe asumir as súas responsabilidades con planificación, financiamento suficiente e políticas adaptadas á realidade de Lugo”, concluíu.





















A partir das 12:00 horas poranse á venda 10.000 abonos ao prezo mínimo garantido, dispoñibles exclusivamente na web oficial do festival. Os prezos serán de 195 € para o abono normal e 295 € para o Pandemonium, con opción de incluír camiseta. A organización recomenda acceder puntualmente á cola virtual e lembra que as entradas deben adquirirse só por canles oficiais para evitar falsificacións. O Resurrection Fest volverá reunir miles de asistentes en Viveiro nunha das grandes citas musicais do verán.
Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto co portavoz de Interior do Grupo Parlamentario Popular no Senado, Luis Santamaría, mantiveron unha reunión no Senado con representantes da Asociación Española de Gardias Civís na provincia de Lugo, que lles trasladaron as principais reivindicacións do colectivo e analizaron os problemas e necesidades que afectan á Garda Civil na provincia.
O programa inclúe unha actuación vermú de A Requinta de Lampai ás 14:00, un obradoiro de baile tradicional ás 17:30, os cantos de taberna polos bares a partir das 20:00, pinchos para os grupos participantes ás 22:30 e unha foliada aberta ás 23:30. Os grupos interesados poden inscribirse no 605582624.
O delegado territorial da Xunta en Lugo participou este martes nos actos programados con motivo da festividade da Patroa de Ribadeo, Santa María do Campo.
O corte afectará ao tramo que vai desde o principio da vía ata o punto quilométrico 0,900. Para facilitar a execución das obras, será necesario que non haxa vehículos estacionados nese treito. Os traballos, executados pola empresa Jose No Mantiñan E Hijos Construcciones, S.A., forman parte dun proxecto conxunto para a mellora e acondicionamento de varias estradas provinciais no municipio de Xove, cun investimento total superior aos 800.000 euros.



