No 1992 a meirande parte dos Estados do Consello de Europa (que definen un perímetro ben máis alargado ca o da Union Europea) asinaron a “Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias”. A definición convencional considera “lingua minoritaria” a toda lingua que non fale a meirande parte da poboación dun Estado asinante. Velaí que o galego ou catalán, que non son linguas minoritarias en Galicia e Catalunya- senón ilexítimamente minorizadas- si fiquen inseridos neste concepto.
O Estado Español demorou case dez anos a ratificación deste Tratado interestatal. Xa que logo, dende 2001 a totalidade da normativa protectora desta Carta europea integra o Dereito estatal ( segundo o artigo 96 da Constitución, os Tratados interestais ratificados polo Estado español integran o Dereito propio e non poden ser derrogados ou modificados agás a medio dos procedementos previstos neses mesmosTratados). Ademais, o Estado Español asumiu a máxima protección da Carta sen reserva ningunha, Velaí que, para alén das recomendacións dos Informes quinquenais do Comité de Ministros do Consello de Europa (non vencellantes, mais si dotadas, como as do Comité de Dereitos Humanos da ONU, de grande “auctoritas”) a Carta vincule aos Poderes Públicos estatais, autonómicos e locais e máis aos tribunais todos. Malia que ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos só lle vincule a Convención Europea de Dereitos Fundamentais (CEDH), si é certo que estes informes son susceptíbeis de orientar a súa xurisprudencia na interpretación dos dereitos fundamentais á non discriminación por razón da lingua e ao uso da lingua propia nos procedements xudiciais, recoñecidos na devandita CEDH.
O sexto Informe do Comité de Ministros da Union Europea, a respecto do cumprimento deste Tratado polos Estados asinantes, denuncia varias chatas graves no cumprimento polas autoridades administrativas, lexislativas e xudiciais do Estado Español a respecto desta normativa europea, plenamente acollida no Dereito estatal.
A primeira grave denuncia atinxe á liña xurisprudencial do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSXC), confirmada polo Tribunal Supremo (TS) estatal esixindo un mínimo do 25% no uso da lingua castelá como lingua vehicular nos centros de ensino de Catalunya. Para o Consello.de Europa, no máis alto nível de protección libremente escollido polo Estado Español, non cómpre máis uso vehicular doutras linguas distintas á minoritaria protexida ca o ensino das linguas estatal e alleas ao ámbito do Estado, como o inglés, na propia lingua que se estuda.
Dende este principio o Consello denuncia a imposibilidade de usar o galego para a aprendizaxe das Matemáticas, Física e Química na limgua galega, o límite do 50 %para o seu uso vehicular e máis a falla real de garantía do seu libre emprego nas redes galegas sanitaria e de benestar e servizos sociais.
Común a todo o Estado é a-denunciada polo Consello de Europa- falla de garantías reais dos nosos dereitos linguisticos nas Administracións de Xustiza e do Estado, de xeito que non se garante o dereito do cidadán galego, catalán ou vasco para que o procedemento administrativo ou xudicial continúe na lingua minoritaria se así o escolle unha persoa interesada.
O Goberno asturiano e a Academia da Llingua Asturiana fican claramente desautorizados en cadansúa xestión. O informe europeo considera a unidade linguistica do galego falado na Galicia administrativa, na Seabra, Portelas e Berzo e na area do Occidente astur, no canto dun isolado concepto de fala eonaviega,, que vulnera o dereito dos usuarios asturianos do galego a se integrar no seu propio sistema linguistico.
O informe pon o foco no que lle importa á Europa: protexer ás linguas minorizadas, como o galego e catalán. E constitúe unha emenda á totalidade aos partidos unionistas e axentes sociais supremacistas que negan, quer directa, quer indirectamente, os dereitos da cidadanía que quere usar con normalidade as nosas linguas, canda unha dura corrección á ilegal falla de compromiso lingüístico dos Gobernos estatal e galego.
















A mostra inaugúrase o luns 19 de outubro ás 12.00 horas na Casa da Cultura, onde permanecerá aberta ao público ata o 19 de novembro. A iniciativa, promovida polo Concello, ofrece unha selección de obras nas que o artista explora a cor, a luz e a expresión contemporánea, consolidando a súa traxectoria dentro deste movemento artístico.
Da man da FCAM Ribagorda está a coñecer establecementos comerciais que cumpriron corenta anos de vida e outros que se achegan aos cen. A Federación de Comercio A Mariña aproveita esta estadía do coñecido xornalista para amosarlle as potencialidades turísticas da comarca. José Ribagorda visitou a Basílica de San Martiño en Foz e o Centro de Interpretación da Faba en Lourenzá. A súa viaxe pola Mariña seguirá hoxe e mañá.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos contra as 19:30 horas deste venres, a través dun particular que se atopaba no punto: un coche que participaba nunha proba de rallye en San Fiz de Paz (Outeiro de Rei) perdeu unha roda, e esta acabou golpeando a un espectador, quen precisaba asistencia sanitaria. De inmediato, desde o 112 Galicia informouse a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil. Foi a propia organización do evento a que se fixo cargo do traslado.
O paseo polas rúas da vila xunto as Sanluqueiras e Sanluqueiros e o pregón de Luis Rego marcaron o arranque oficial das feiras e festas mindonienses, que chegan este ano a edición 870. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora de forma estable e continuada coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, cunha achega da área de Cultura que este ano -coincidindo coa 870 edición- incrementou dos 20.000 aos 30.000 euros.
Trátase dunha iniciativa que favorece a colaboración entre o tecido asociativo e o voluntariado para mellorar e conservar as contornas naturais do municipio. Os traballos centráronse na limpeza deste espazo costeiro, contribuíndo ao seu coidado e á conservación do medio natural. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata a praia para acompañar as persoas participantes nesta iniciativa agredecendo a implicación de Mistura de Lieiro e das persoas voluntarias que participaron nesta xornada, contribuíndo, coa súa colaboración, a manter limpos e coidados os espazos naturais de Cervo.
As estudantes recibiron o galardón “Pizza Chef Emergente”, un recoñecemento que destaca o talento das novas promesas da gastronomía e que supón un importante logro para o centro educativo e para a formación profesional da comarca.
Durante 45 minutos, tres malabaristas —Pablo Reboleiro, Aitor Garuz e Santiago Montero— mergúllanse nun caos divertido onde ninguén manda e todo flúe entre xogos de poder, equilibrios imposibles e humor. A obra amosa como, no mundo dos malabares, romper os patróns establecidos pode levar a descubrir que a verdadeira maxia está en aprender a xogar xuntos.



