Ribadeo, 25 de setembro, 2024. No pleno de onte o grupo municipal do BNG de Ribadeo conseguiu o apoio da corporación para instar ao goberno municipal a iniciar os trámites para a construción dun campo de herba sintético no anexo do Pepe Barrera.
Cos votos a favor do BNG e PSOE e a abstención do PP, o pleno da corporación municipal de Ribadeo decidiu aprobar a moción presentada polo BNG. Segundo declarou Pablo Vizoso: “A construción dun novo campo de herba sintética é unha necesidade que vai aumentando ano a ano para Ribadeo. Era unha medida que levábamos no noso programa electoral e, inda desde a oposición, queremos ser útiles para a veciñanza, con propostas e ideas. Desde este grupo municipal temos claro que o mellor lugar para a esta instalación é o anexo ao Pepe Barrera, pola localización e pola facilidade de construción.”
Vizoso engadiu: “Hoxe damos un pequeno paso nun proceso longo, pero moi importante para o futuro de Ribadeo e a súa práctica deportiva.”