Ribadeo, 20 de setembro, 2024. Esta mañá, o BNG de Ribadeo presentou unha moción, para debater no pleno da semana próxima, na que se insta ao goberno municipal a iniciar os trámites para a construción dun novo campo de herba artificial no entorno da piscina municipal e o Pepe Barrera.
Segundo explicou o voceiro do BNG ribadense, Pablo Vizoso: “Nos últimos anos foise facendo máis forte a necesidade de ter outro campo para poder cubrir a demanda e para manter en bo estado os que xa temos de herba natural. No noso programa levábamos esta iniciativa, e inda desde a oposición, queremos cumprir co prometido e con Ribadeo e ser propositivos e útiles para a veciñanza.
O anexo do Pepe Barrera é o lugar máis axeitado por varias razóns. En primeiro lugar, porque está nun lugar de fácil acceso da vila, facilitando así o transporte para os pais e nais. En segundo lugar, porque podería ser feito en varias fases, aproveitando as instalacións deportivas xa existentes e dando máis flexibilidade en canto as partidas orzamentarias. E en terceiro lugar porque completaríamos a zona deportiva de Ribadeo xuntando nun mesmo lugar a piscina, campos de fútbol, pistas cubertas etc”.
Para rematar, Vizoso engadiu: “Nos mandatos anteriores Ribadeo avanzou notablemente en materia deportiva e agora, cunha terceira parte do mandato cumprido, resulta necesario dar solución a esta cuestión. Agardamos o apoio maioritario a esta cuestión, coa xenerosidade necesaria nun asunto tan importante para o noso concello”.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



