O deputado Xosé Manuel Golpe advertiu que estes parques eólicos afectarán ás explotacións agrarias que se encontran dentro da PAC
Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2024. O portavoz de Enerxía do Bloque Nacionalista Galego, Xosé Manuel Golpe, na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, denunciou como a Xunta de Galiza evade as súas responsabilidades na instalación de aeroxeneradores no parque eólico do Barqueiro, situado nos concellos do Vicedo e Viveiro (Lugo), Mañón, Ortigueira, Cerdido, Moeche, As Somozas e As Pontes (A Coruña), fóra da Área de Desenvolvemento Eólico.
Un dos argumentos por parte das Administracións para a colocación deste parque eólico na comarca do Ortegal é a proximidade coa factoría de Alcoa, que demanda unha gran produción de enerxía para o seu funcionamento. O deputado Xosé Manuel Golpe destacou que non hai ningunha necesidade de que os aeroxeneradores estean “no Ortegal, na Mariña ou na comarca de Carballo”, porque toda esa enerxía se pode canalizar “dende a meseta” apuntou.
Por outra banda, Golpe alertou da afección territorial que produce a infraestrutura eólica e sinalou que “resulta incompatible cos obxectivos da Política Agraria Comunitaria”. O deputado criticou que “a empresa promotora non avaliou os impactos do proxecto sobre destas explotacións económicas e como repercute a estación eólica nas economías familiares dos núcleos afectados”. Uns impactos non avaliados no proxecto pola promotora, que obvia a existencia de explotacións agrarias, gandeiras, forestais e madeireiras que “constitúen o medio de vida das persoas e familias que habitan e viven no ámbito afectado polo proxecto eólico e as infraestruturas de evacuación” explicou.
Ademais o Instituto de Estudos do Territorio tamén realizou alegacións ao proxecto, a respecto da integración paisaxística, “recolléndose ata catorce medidas correctoras que afectan principalmente ao patrimonio histórico”. Golpe fixo fincapé no “Camiño dos Arrieiros” que consta de case 50 quilómetros dende a localidade das Pontes ata o Porto de Bares, no Concello de Mañón. “É unha vía de comunicación que funcionou secularmente como eixo vertebrador entre as bisbarras do Eume e Ortegal” destacou. Pola súa antigüidade e o seu trazado entre túmulos prehistóricos, este camiño conserva varios asentamentos da Idade de Ferro, de época romana, tardo romana e medieval.
A este proxecto hai que sumarlle unha forte contestación social que recolleu e recolle na contorna da súa aplicación, máis de 300 alegacións. O deputado nacionalista sinalou o rexeitamento unánime da poboación directamente afectada, auto organizada en varias plataformas que “están a loitar dignamente por defender as súas propiedades, o seu modo de vida”.
“Son estes veciños e veciñas as que denuncian o xeito de operar dos axentes de permisos sen escrúpulos, que non dubidan en mentir, ameazar e chantaxear aos propietarios máis débiles para que asinen os precontratos” advertiu