Ribadeo, 2 de novembro de 2024. Trátase de formación en liña 100% subvencionada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional.
Estes cursos están vinculados a unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, polo que axudarán aos participantes para obter o recoñecemento oficial das súas competencias profesionais. E así, aumentar as súas posibilidades de atopar emprego, mellorar as súas condicións laborais e seguir formándose.
Estes cursos están dirixidos tanto a traballadores como autónomos de calquera sector ou actividade, todas elas vinculadas a Acisa Ribadeo, sendo socio ou empregado de establecementos asociados. En ningún caso poderán participar persoas desempregadas.
Terán prioridade para ocupar as prazas dispoñibles aquelas persoas que pertenzan a algúns dos seguintes colectivos: traballadores menores de 25 anos, traballadores maiores de 50 anos, mulleres vítimas de violencia de xénero, traballadores sen estudos, traballadores con baixo nivel de cualificación ou traballadores con discapacidade.
Os cursos impártense en modalidade de teleformación a través da plataforma APE Galicia. Unha mesma persoa poderá realizar máis dun curso de formación, sempre que non coincidan nas súas datas de impartición.
Os participantes interesados deberán cumprimentar unha solicitude de participación, achegando copia do DNI, copia de contrato laboral, vida laboral ou outro documento (cabeceira de nómina, recibo autónomo) que permita acreditar que é traballador ocupado.
Os cursos para impartir son: Procesadores de textos e presentacións de información básicos; Aplicacións informáticas de bases de datos relacionales; Aplicacións informáticas de follas de cálculo; Tratamento básico de datos e follas de cálculo; Aplicacións informáticas da xestión comercial; Aplicacións informáticas de contabilidade; Aplicacións informáticas de tratamento de textos; Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información; Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico; Venda en liña; Inglés profesional para servizos de restauración; Preparación e servizo de bebidas e comidas rápidas no bar; Seguridade, hixiene e protección ambiental en hostalería; Servizo básico de alimentos e bebidas e tarefas de postservicio no restaurante; Técnicas de servizo de alimentos e bebidas en barra e mesa; e Técnicas de información e atención ao cliente/consumidor. Todos os cursos ofertados teñen unha duración de entre 30 e 60 horas.
Calquera interesado pode informarse no teléfono 692 58 27 76 en info@apegalicia.es
Algúns dos cursos que se van a impartir proximamente, dirixidos ao sector da hostalería e o turismo, son de informática, para dominar as ferramentas informáticas esenciais e así optimizar o traballo e mellorar a produtividade. Trátase de: Aplicacións informáticas Ofimática (Office 2016) 50 horas, Programas de contabilidade 30 horas e venda en liña 30 horas.
Ademais doutros para adquirir as competencias necesarias para desenvolverse con éxito neste sector dinámico e cheo de posibilidades: inglés profesional para servizos de restauración 60 horas, técnicas de información e atención ao cliente/consumidor 60 horas, técnicas de servizo de alimentos e bebidas en barra e mesa 60 horas.
Para máis información as persoas interesadas poden dirixirse a https://apegalicia.es/cursos-maude
É importante destacar que a acreditación de competencias é o proceso polo que a persoa candidata adquire unha acreditación oficial das súas competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral ou vías non formais de formación, previa avaliación das mesmas. Este proceso permite acreditar unidades de competencia que forman parte dun Título de Formación Profesional ou dun Certificado Profesional. Por tanto, terán un recoñecemento oficial, que lles permitirá validar módulos ou materias no caso de que queiran estudar o título ou certificado correspondente.
Todos os participantes interesados, que estean a realizar ou realizasen un curso de formación, terán á súa disposición un servizo de información e asistencia para poder presentarse e inscribirse no procedemento de acreditación que está aberto permanentemente a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.






















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



