Lugo representa o 12% da poboación galega e achega unha proporción semellante de empresas (12%) e do PIB galego (11%), destaca no sector gandeiro, lidera en agricultura ecolóxica e consolida o seu sector turístico con 700.000 visitantes anuais
Lugo, 17 de decembro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López Vázquez, presentaron este martes no Pazo de San Marcos Lugo informe anual 2024, un estudo elaborado por quinto ano consecutivo pola organización empresarial grazas á colaboración da institución provincial, e que recompila os datos demográficos, sociolaborais e económicos máis significativos da provincia e dos 67 municipios que a conforman.
Destacou José Tomé o traballo da CEL para “manter ano tras ano actualizada esta indispensable ferramenta de análise” que servirá “para saber como están as cousas e que podemos facer para melloralas”.
“Na provincia de Lugo atópase só o 12% da poboación de Galicia, pero contamos co 12% das empresas da Comunidade, que producen o 11% do PIB galego, uns 7.400 millóns de euros”, subliñou e engadiu que no que fai referencia ao emprego, a “taxa de paro é un punto e medio inferior á galega, 8,2% fronte ó 9,7 galego, e baixou 7,6 puntos dende o ano 2012”.
Nese sentido, o mandatario provincial puxo en valor que Lugo avanza en moitos indicadores económicos e sociais. Mencionou como exemplo o sector primario, onde a provincia destaca no sector gandeiro e lidera en agricultura ecolóxica, concentrando o 48% da superficie deste tipo de explotacións. Tamén destacou o músculo comercial, cunhas exportacións que acadan os 641M€, e o turístico, que con 700.000 visitantes anuais volve a superar as cifras anteriores á pandemia.
Resaltou a capacidade de Lugo para seguir atraendo poboación inmigrante; “non é aínda suficiente para contrarrestar o descenso da natalidade, pero é un dato significativo”. E tamén subliñou que “me parece moi ilusionante o incremento constante da matricula no noso campus universitario, que chegaba aos 3.256 estudantes no curso 2022/2023”.
Desafíos da provincia
Alertou, sen embargo, que algunhas situacións non se resolverán só coa dinámica do mercado, sendo fundamental unha intervención decidida por parte das administracións públicas, especialmente no ámbito autonómico, para abordar os retos da dependencia, a asistencia social e a desigualdade.
Puxo como exemplo que un 7% da poboación -22.700 persoas- ten máis de 85 anos. Un incremento da esperanza de vida que “obriga a insistir unha vez máis na necesidade de facer maiores investimentos en residencias e programas de atención”. Sinalou nese sentido a rede de 9 Centros de Atención a Maiores abertos pola Deputación, “pero non podemos asumir en solitario a solución dunha situación para a que non ten competencias” e pediu un xiro de “180 graos” nas políticas públicas galegas de dependencia e asistencia social.
O Presidente tamén puxo sobre a mesa os 3.600 fogares lucenses que teñen uns ingresos mensuais de só 600 euros, moitos dos cales non superan os 400 euros. “Temos que traballar para reducir esta cifra, para que o progreso económico se traduza nunha mellora real nas condicións de vida de quen máis o necesita, especialmente dos nenos e nenas que ven a súa infancia ameazada polo risco grave de pobreza”, apuntou.
Tomé Roca fixo referencia tamén a perda xeral de poboación no rural, cara á cidade, “pero necesitamos inverter estas tendencias, porque un progreso baseado na despoboación do rural e a concentración da poboación na capital da provincia non parece unha base sólida de cara ó futuro”.
Radiografía
A publicación Lugo informe anual 2024 ofrece unha radiografía anual e exhaustiva da situación socioeconómica da provincia.
No ámbito económico, o 2021 PIB da provincia de Lugo superou os 7.395M€, o que supón case o 12% do PIB de Galicia. O sector da economía que máis actividade económica xera son os servizos, seguido do sector primario, a industria e a construción. A tendencia do IPC foi notablemente crecente desde o estalido da crise económica xerada pola pandemia e na actualidade “vemos como se está recuperando”, cun 3% rexistrado no 2023.
A nivel laboral, a maioría dos máis de 137.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse, por tanto, ao sector servizos (64,64%), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020. Séguelle a agricultura (14,28 %), industria (11,4%) e construción (6,34%).
A taxa de paro en 2023 situouse no 8,20%, mentres que no total de Galicia situábase no 9,7%. Desde 2012, a taxa de paro na provincia de Lugo descendeu 7,68 puntos porcentuais. Respecto a evolución do tecido empresarial, Lugo conta con 22.600 empresas. Con todo, os sectores industriais e de construción rexistraron unha contracción notable do -7,36% e do -9,5% respectivamente) en comparación con 2022. O comercio tamén diminuíu, aínda que en menor medida (-7,33%). As empresas sen asalariados reducíronse de 12.862 en 2022 a 11.660 en 2023, destacando unha “vulnerabilidade” nos negocios máis pequenos.
Pola súa banda, Jaime López destacou que “este estudo estatístico é só unha das patas das diferentes accións que desenvolvemos co apoio da Deputación”. Unha colaboración que, segundo as súas palabras, no 2025 implica un apoio estratéxico as empresas lucenses baseado en “afondar no traballo de investigación estatística e económica do noso territorio”, “a posta en marcha de accións de internacionalización en novos mercados” e “reforzar o labor de análise e difusión da normativa, cada vez máis extensa e de difícil interpretación”.
“Apostar por reunir este tipo datos e elaborar informes concretos, facilitando o acceso aos mesmos por parte das nosas empresas”, explicou e valorou que “é unha actividade que dende a CEL consideramos moi necesaria e de alto valor”. Tamén comentou que na provincia hai dúas zonas que actúan como “tractor” industrial, a Mariña e Monforte de Lemos e sinalou a necesidade de “desenvolver a capacidade industrial noutros territorios da provincia”.


















Pasada a medianoite, un vehículo saíuse da vía na N-634. Como consecuencia do impacto, tres persoas resultaron feridas. Da asistencia sanitaria ocupáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e os axentes da Garda Civil de Tráfico da seguridade na vía. Os Bombeiros de Barreiros tamén acudiron, sen embargo, ningún dos feridos estaba atrapado.
Baixo o título “A guerra en Oriente Medio. Do xenocidio en Palestina á agresión a Irán”, o analista internacional Duarte Correa ofrecerá unha intervención centrada na evolución do conflito, o impacto humanitario e as implicacións xeopolíticas da escalada bélica na rexión.
A proba, organizada polo CP Altrúan, reunirá 137palistas dos seis clubs lucenses de augas tranquilas que participan na competición: o propio Altruán, o CD San Ciprián, o Club Kayak Foz, o CP Viveiro Urban Hotel, o Cidade de Lugo e o Club Fluvial de Lugo. O deputado de Mocidade Daniel García achegouse esta tarde a Ribadeo para presentar a proba, que comezará ás 15.30 coa saída dos prebenxamíns e benxamíns. A continuación e de forma escalonada, desenvolveranse as probas das categorías infantil, alevín e cadete e xuvenil.
A partir das 19:45 horas abrirán a xornada o Cuarteto Illa Pancha e Tradigalu, mentres que desde as 20:00 horas se poderán degustar hamburguesas á parrilla, bocadillos de panceta e chourizos asados. Xa pola noite, ás 21:30, tomarán o relevo Mi Rollo es el Rock, antes da tradicional fogueira de San Xoán, prevista para as 00:00 horas. A celebración, organizada por A Rebolaxe coa colaboración do Concello de Cervo e a Deputación de Lugo, inclúe tamén o sorteo dunha paleta de cocho e contará con aparcamento habilitado no Estanco da Praia do Torno.
A Garda Civil de Burela tomou declaración este 10 de xuño a unha representante do departamento en liña de Porcelana de Sargadelos, que denunciou unha estafa na que se emprega a imaxe da empresa para enganar clientes. Segundo explicou, desde finais de abril están a aparecer páxinas web falsas con descontos do 80% e perfís fraudulentos en redes sociais como Instagram, TikTok e Facebook, a través dos que varios usuarios xa foron estafados. A compañía presentou denuncias contra distintos dominios e contas, das que só unha continúa activa, e achegou tamén os rexistros da marca e as comunicacións realizadas ante Meta. A denuncia foi formalizada no cuartel da Garda Civil de Burela, onde quedou incorporada ás dilixencias abertas polo corpo.
O deputado galego Francisco Millán Mon explicoulles o día a día da súa actividade nesta cámara e a importancia da Unión Europea para Galicia e viceversa. Desde a dirección do centro agradecen “a súa exposición e o trato dispensado ao alumnado e profesorado desprazado a Bruxelas”. Neste 2026 cúmprense 40 anos da adhesión de España á Comunidade Económica Europea, así se denominaba naquel momento. O IES de Ribadeo é Escola Mentora do Programa Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo.
Foi unha xornada máxica na que a música e a convivencia se deron a man nunha contorna única. Os instrumentos de corda encheron de melodías os xardíns do centro, creando unha atmosfera especial que emocionou ao público asistente e puxo en valor o talento e a ilusión da mocidade. A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, non quixo perderse esta cita tan especial e desfrutou da tarde xunto ás persoas usuarias, e o persoal do centro. Durante o encontro, agradeceu o convite e felicitou á organización por promover actividades que fomentan a cultura, a inclusión e os espazos de encontro entre a veciñanza.



