A Mariña, 28 de xaneiro de 2025. Segue aberto o prazo de inscrición para participar nas xornadas formativas en turismo ornitolóxico, que organiza a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. A cita terá lugar do 10 ao 12 de febreiro no salón de actos do Centro Cívico de Xove. A formación é gratuíta e a inscrición debe realizarse na web https://amarinalucense.gal/gl/ornitoloxia ata o 31 de xaneiro.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, subliña que “esta formación, aberta a todos os públicos, está dirixida prioritariamente a axentes do sector turístico público-privado e divulgadores ambientais. A iniciativa permite mellorar as súas capacidades para atender a demanda, así como desenvolver produtos turísticos atractivos e respectuosos coas especies e os seus hábitats contribuíndo así ao desenvolvemento local sostible”.
Na súa aposta por impulsar A Mariña como destino de turismo ornitolóxico, a Mancomunidade de Concellos está a traballar, en colaboración con empresas especializadas, na ampliación da información divulgativa sobre a diversidade de aves e ecosistemas existentes no territorio dirixida a aqueles viaxeiros interesados na práctica deste tipo de ecoturismo.
A xerente do Plan de Sostibilidade Turística, Tania Hermida, explica que “deste xeito, está prevista a instalación de 11 totems informativos de baixo impacto paisaxístico noutras tantas áreas representativas a nivel ornitolóxico do xeodestino. Esta acción conlevará a mellora da información existente no apartado correspondente da páxina web, que non só conterá información sobre as especies, os seus hábitats e as zonas de observación, senón que tamén fomentará entre os visitantes un turismo respectuoso co medio. Todo isto irá acompañado da elaboración dun folleto divulgativo da Mariña como destino de turismo ornitolóxico”.
López anima a inscribirse nestas xornadas formativas: “ata o 31 de xaneiro os axentes do sector turístico público-privado, os divulgadores ambientais e o público xeral poden anotarse para aproveitar esta interesante formación, que ofrecemos desde a Mancomunidade”.
Estas accións están promovidas pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense 2022-2024, cofinanciado pola propia Mancomunidade, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.
























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



