Ribadeo, 18 de xaneiro de 2025. Teatro, danza, musicais e actividades para celebrar os Días de Rosalía e o 8M compoñen a axenda cultural de Ribadeo do primeiro trimestre deste 2025.
A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, dixo que “os eventos culturais desenvolvéronse xa desde principio de xaneiro. Agora, pasada a resaca do Nadal, queremos dar conta do que nos agarda ata acabar o trimestre”.
A edil ribadense contou que “comezamos coa presentación de libros. Onte, venres, na biblioteca municipal El Viejo Pancho, a Agrupación Cultural Francisco Lanza convidou a Henrique Costas a falarnos da súa novela Entre a vontade e o destino, unha magnífica ocasión para entreternos e saber máis da Idade Media peninsular. A mesma entidade proponnos xa en febreiro coñecer a obra Entre nós e o Eo, escrito a dúas mans por Antón Cando e Beatriz Pin”.
Sanjurjo contou que “temos tamén dúas propostas de alumnado dos centros de ensino para axudar ao pagamento de viaxes de estudos. Hoxe, sábado, De tal Cuento tal Astilla fará un contacontos musical no Teatro e o grupo de teatro xuvenil El Cisne Negro porá en escena La moderna, dentro dos actos do 8M. Sen saírmos do ámbito infantil e xuvenil, o ciclo O Concello cos Coles achega a danza coa obra da Compañía de Marta Alonso, Nina Ninette. E a Área de Igualdade convida en febreiro a Pamela Palenciano coa súa proposta No sólo duelen los golpes”.
A concelleira de Cultura seguiu a relatar que “dentro da programación que o Concello ofrece en convenio coa Axencia Galega das Industrias Culturais achegamos dúas pequenas marabillas de compañías excepcionais. O Elefante Elegante con Kyoki e Os Náufragos con Hugo. A maiores tamén teremos ocasión de asistir a dúas pezas de musical para público familiar: La isla de Mavi, tributo a Vaiana, e De Simba a Kiara, tributo ao Rey León. O teatro para público adulto trae tamén dúas compañías de prestixio do teatro galego. Neste caso son Teatro do Noroeste con Guerra, e Sarabela Teatro con O dragón de ouro”.
E engadiu: “no apartado das artes plásticas poderemos ver na sala da Oficina de Turismo Historia dun mariñeiro con debuxos, gravados e acuarelas de Teresa Esra. Canto á música, dúas propostas moi diferentes. Os dous eventos do Ciclo Galiñeiro, organizados pola Asociación Cultural Catro Caños, que reúne as actuacións de Aneuma & Special Guest Stars e os ribadenses Kornucopia. A outra suxestión, moi diferente, é Hora Zero, música de tango a cargo do Quinteto Lunfardo”.
A axenda do primeiro trimestre de 2025 inclúe o Entroido, o Día de Rosalía e o 8M: “a maiores, temos días fixos no trimestre. Como non, o Entroido, cunha programación que será obxecto dunha presentación concreta, e por outra banda, o 23 de febreiro, o Día de Rosalía, unha data que será obxecto de celebración por parte do Concello e na que a Agrupación Cultural Francisco Lanza deseña este ano un xantar de caldo de gloria, acompañado dun recital de obra da autora no tempo da sobremesa. Tamén o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, conta con propostas da Área de Igualdade. Entre elas o interesante proxecto Perpetuando, da Escola de Imaxe e Sonda DA Coruña, que xoga coa interacción entre o público e fotografía de artistas como Man Ray ou Mapplethorpe”.
Begoña Sanjurjo agarda que “todas estas propostas sexan do agrado de toda a veciñanza de Ribadeo e visitantes. Ben seguro que irán aparecendo outras máis das que iremos dando conta semanalmente”.

























A mostra sobre Mimina, que repasa a súa traxectoria vital e artística e o seu papel esencial na creación de Sargadelos como empresa cultural, amplía o seu período de apertura até o 12 de agosto grazas á cesión das instalacións por parte do Concello de Cervo. A exposición poderá visitarse todos os días de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00, e tamén se poden concertar visitas noutros horarios ou para grupos chamando ao 636020514 (Lucía).
Durante tres días desfrutan dun programa intenso de actividades na natureza: montaxe e desmontaxe do campamento, surf en Esteiro, tiro con arco, xincana e diversos xogos. A iniciativa está promovida polas Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil.
Olimpia López, supervisou hoxe en Cospeito un control da campaña de velocidade da DGT, que busca previr sinistros nun verán de maior tráfico. Lembrou que a velocidade inadecuada está presente no 22 % dos accidentes mortais e apelou á responsabilidade dos condutores: cada km/h conta para salvar vidas.
No Campo de Fútbol de As Valgas poderanse ver desde as 21.30 horas as actuacións de Netos de Bandim, chegados desde Guinea Bissau; da Philippine Performing Arts Company, das Filipinas; e do grupo anfitrión O Arco da Vella. Un encontro único de culturas, ritmos e emocións que promete unha noite inesquecible.
Estiveron acompañados polas técnicas de xuventude Mónica López Sanjurjo e Silvia Rodríguez Barreiro, para gozar das diferentes piscinas e tobogáns deste parque acuático. A viaxe estivo organizada polas Concellerías de Xuventude e Deporte e pola Oficina de Información Xuvenil dentro do programa Verán a Tope en Xove 2026.
O prólogo é da profesora de Debuxo Camino Casabella Pumares, artista con raíces no Alfoz do Castrodouro, que participará na presentación xunto ao presidente do colectivo. Cinco dos pintores estarán presentes no acto, xa que Alaxe faleceu hai tres anos. A portada do caderno é obra do ilustrador Xosé Blanco. O evento celebrarase o sábado 8 de agosto ás 20:00 horas no castelo do Castrodouro, en Alfoz do Castrodouro.
O evento, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil O Castelo reuniu a numerosos veciños e visitantes e celebrouse durante catro días. A programación incluíu actuacións musicais, actos relixiosos, xogos tradicionais e unha comitiva da camións, coches e motocicletas que percorreron todas as parroquias deste concello mariñán.



