Prezada compañeira de corporación: no pleno do martes 28 de xaneiro, o grupo municipal do BNG presentou unha moción relativa á situación do galego e a adopción de medidas sobre a súa normalización que tiven a ben defender.
Nela chamamos a atención sobre a situación crítica que atravesa a nosa lingua tal e como se recolle dos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística e instamos ó Concello de Ribadeo a revisar a súa actuación en materia lingüística e a adaptala ao previsto legalmente na Lei de Normalización Lingüística (1983), no Plano Xeral de Normalización da lingua galega (2004) e na Ordenanza de uso do galego na administración do Excmo. Concello de Ribadeo (2004).
Son galegofalante, coma vostede, e aínda que avogue vostede agora por ese bilingüismo que os do seu partido chaman “harmónico” , sabe tan ben coma min que pouca harmonía atopa a día de hoxe o galego en moitos espazos públicos, nos medios de comunicación, nos centros de ensino… así como pouco harmoniosas son as medidas lexislativas da Xunta de Galicia que favorecen o descoñecemento do galego polo funcionariado, a posibilidade de deixar de usar o galego na CRTVG, a exclusión do galego na lei de intelixencia artificial…
Persoalmente preocúpame que os nosos pícaros e pícaras non teñan á súa disposición todo tipo de actividades que levar a cabo usando a súa lingua nai, a lingua do seu país, con independencia doutras que poidan aprender ao longo das súas vidas.
Durante da súa infancia, as nosas crianzas (é bo usar sinónimos, señora concelleira; iso se di nos centros de ensino, hai que enriquecer o vocabulario) van educándose a través dun feixe de actos públicos e de ámbito familiar a través dos cales van facendo súa a lingua dos seus pais e nais. A posibilidade de aprender a vivir en galego, sen menoscabo de se ir familiarizando con outras linguas, cada vez é menos posíbel, especialmente desde a aplicación do decreto do plurilingüismo que reduciu drasticamente a presenza do galego nos centros de ensino. Se a isto lle engadimos a escasa posibilidade de ver programas infantís de televisión en galego ou poder acceder a contidos nas webs e apps cando van chegando á mocidade, o panorama é realmente preocupante.
O recente informe do IGE sobre coñecemento e uso do idioma galego é demoledor: por primeira vez o galego non é a lingua máis falada. O nivel de coñecemento na picaraxada e na adolescencia chega a límites dramáticos, insospeitados noutrora.
Teñen que reaccionar señoras e señores do PP. Xa está ben de se deixaren levar pola intransixencia de grupos fundamentalistas como Galicia Bilingüe (agora, xa sen complexos, “Hablamos español”). Pensen no seu país! E non busquen escusas creando falsos debates reivindicando palabras nosas de Ribadeo, como se foran incompatibles con outras de nova incorporación.
Porque, a quen lle van pedir responsabilidades por non ter sido incluída a palabra “picaraxada” no dicionario da RAG? Ao secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez? Ou ao concelleiro de Cultura, José López Campos? Cando o alcalde de Ribadeo exerceu como deputado abordou o tema coas autoridade pertinentes? Obviamente non, porque tería feito o ridículo. Nótase ben cando un argumento é consistente e se usa con rigor, ou cando s e buscan pretextos para non abordar os problemas.
Poñámonos mans á obra, señora concelleira! Pensemos na nosa picaraxada, na nosa mocidade. Pensemos tamén na xente adulta que fala galego e ten que soportar constantemente que non sexa atendida na súa lingua. As linguas mantéñense vivas falándoas. Se as convertemos nun acto protocolario, oco, e sen contido emocional, acabarán esmorecendo e converténdose en peza de museo.
Superen as súas leas internas e aposten decididamente pola lingua do seu país, pola lingua que falan moitos dos seus militantes e votantes. Onde vai aquel “Fálalle galego” das campañas de promoción da lingua galega para facer o tránsito xeracional de pais a fillos, de avoas a netas? Non tenten disimular e proxectar a súa responsabilidade de goberno no conxunto da sociedade: un día bótanlle a culpa aos pais e nais por non lle falaren galego aos seus fillos e fillas; outro día, aos e ás docentes por non o usaren na escola; outro día… A quen faga falta con tal de se poñeren de lado e asubiaren cara a arriba. E mentres, o galego indo a menos.
O propósito da nosa moción non era outro que a adecuación do uso do galego por parte do Concello de Ribadeo atendendo á normativa vixente. Debe actuar coa responsabilidade que se lle espera á hora de exercer as súas funcións utilizando e fomentando o galego tanto nos actos administrativos coma na programación de actividades para todas as idades, nomeadamente nas infantís e xuvenís. E que o demostrasen uníndose á Plataforma Queremos Galego, plataforma cidadá conformada por entidades de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta colectiva a prol do galego.
Votaron vostedes que non, desestimando a nosa proposta. Estraña dualidade na que se moven defendéndose como galeguistas por un lado, pero negándose a ver a penosa realidade da nosa lingua polo outro. Ou é que a ven e non lles importa o máis mínimo? Total, vostedes falan “o que lles peta”. Pero cando alguén di facer o que lle peta, é porque pode escoller. Veremos se as vindeiras xeracións tamén poden facelo. Como o van poder facer se van perdendo as súas competencias no uso do galego?.
En canto se ve que vostedes non están polo labor, queremos apelar ao conxunto da sociedade ribadense, da Mariña e de toda Galiza e residentes no exterior que manifesten o seu apoio á marcha que a Plataforma Queremos Galego ten convocada para o vindeiro 23 de febreiro, Día de Rosalía: temos que encher as rúas de Santiago mostrando o noso orgullo pola lingua galega; temos que engalanar as nosas rúas, ao longo do país, coa ilusión dun apoio amplo a esa mobilización e ao uso do galego. Conmemoremos o Día de Rosalía facendo da nosa poeta nacional o principal baluarte da nosa lingua.


















Ocorreu minutos antes das 15 horas e o vehículo obstaculizaba a circulación. O 112 Galicia tivo constancia deste accidente a través dun particular: un camión acababa de envorcar no quilómetro 10 da LU-541, en Ladra (Vilalba). Nun primeiro momento pensouse que o condutor podía estar atrapado, mais conseguiu saír polo seus propios medios. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Vilalba, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da estrada. O vehículo perdeu algo de combustible como consecuencia do impacto, pero os bombeiros resolveron rapidamente a situación.
No marco desta iniciativa, a asociación realizará o 6 de maio unha viaxe a Monforte, que incluirá visitas ao Museo do Ferrocarril ou ao Pazo de Tor, ao conxunto monumental de San Vicente do Pino, ao Centro do Viño da Ribeira Sacra e unha explicación exterior do Colexio de Nosa Señora da Antiga. As persoas interesadas en participar poden inscribirse entre o 10 de marzo e o 10 de abril chamando ao 660 47 72 30 ou escribindo ao correo vencelloburela@gmail.com.
Esta iluminación comezará acendendo en días sinalados, nos que se celebre ou queira darlle visibilidade a algún acontecemento. “Pareceunos un bo día este 8 de marzo, no que conmemoramos o Día da Muller, comezar o uso desta instalación”, explica a concelleiro de alumeado, Ángel Fernández Neira. “As letras de Foz son un signo de identidade do noso pobo e esta iluminación dálles unha nova vida”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
Durante a visita, as representantes municipais fixéronlle entrega dun ramo de flores e compartiron con ela un momento moi agradable, celebrando xuntas esta data significativa. Con este xesto, o Concello quixo recoñecer e poñer en valor ás persoas maiores de Burela, que forman parte fundamental da comunidade e son depositarias da memoria, da experiencia e dos valores do municipio.
O 14 inaugúrase o Rincón da Poesía, con música de gaitas e concerto de Xuaco Amieva, ademais da presentación de Viaxe a Dacondo I. O 21 terá lugar un recital poético-musical na Casa de Cultura, con música en directo, participación de autores locais, presentación do libro Tu voz en mi voz e homenaxe a Luis Pérez del Súcaro.
Este domingo, 8M, celebrouse un xantar no restaurante O Noso Lar no que participaron máis de 100 mulleres con posterior baile na Casa do Mar.
Reuniu na xornada deste sábado no pavillón de deportes a 700 ximnastas procedentes de diferentes puntos da provincia de Lugo e tamén dun club convidado de Pontevedra. Foi un día intenso de deporte e de convivencia, que tivo unha importante repercusión na hostalería local. Desde o Concello felicitan a todas as participantes, subliñan o traballo da organización (Escola Porta Norte) e agradecen o apoio das entidades colaboradoras.



