Pilar García Porto anunciou tamén a aprobación da convocatoria e as bases para a elaboración dunha listaxe de empregados públicos na Deputación, “que prestarán servizos no programa europeo Agrosocial xunto a 11 socios de España e Portugal”
Lugo, 7 de marzo de 2025. A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un novo investimento para mellorar a mobilidade da provincia por un importe de case 1M€ nun total de nove estradas que discorren por cinco concellos da provincia. A Voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou tras a sesión celebrada esta mañá que “hoxe seguimos avanzando na contratación de novas obras, facendo un esforzo inversor enorme para rehabilitar manter e mellorar a rede de estradas da nosa provincia, a máis extensa de todas as Deputacións, cun total de 4217 quilómetros de lonxitude”.
Concretamente, a institución provincial licitou por un importe de 550.000 euros dous proxectos que mellorarán 8 estradas nos concellos de Taboada, Monterroso e Chantada. No caso de Taboada, mellorarase un tramo de 14 quilómetros da LU-P-4905, a estrada que conecta Portomarín e o enlace coa vía autonómica LU-633. As obras, que afectarán ao treito comprendido entre entre o quilómetro 10,652 e o 24,631 na parroquia de Vilarbasín, en Portomarín e a de Bembibre, en Taboada, consistirán na reapertura de cunetas, saneo da explanada, reparación de imperfeccións, repavimentación e reposición da sinalización vertical.
Pilar García Porto subliñou que “estes traballos mellorarán notablemente as comunicacións entre ambos concellos, xa que é a estrada máis directa entre ambas, e tamén ós veciños e veciñas das diferentes parroquias ás que dá servizo directo”. Ademais, este proxecto que sae a licitación por un prezo de máis de 240.000€ melloraremos tamén a totalidade da LU-P-6003 que, con algo máis de dous quilómetros, conecta Couto, en Taboada con Viloíde, en Monterroso.
En Chantada, a Deputación acometerá melloras en varios tramos de seis estradas por un importe de máis de 300.000 euros. A actuación incluirá máis de 8 quilómetros da LU-P-1002, que conecta a Barrela coa Tilleira, desde o quilómetro 6, á altura de Esmoriz ata o quilómetro 14. Tamén se mellorará a totalidade da LU-P-1802, que une Chantada co Encoro de Belesar, e un medio quilómetro da LU-P-1803, que vai de Camporramiro a Castro de Carballedo, á altura da parroquia de Vilaúxe. Tamén, na totalidade da LU-P-1805, que conecta Seixo e Esmoriz, e os tres últimos quilómetros da LU-P-1806, que une Garabelos con Santa Rosa, así como os primeiros 100 metros da LU-P-11818, que enlaza coa N-540 á altura da parroquia de Pereira.
As actuacións en todas estas estradas consistirán na reapertura de cunetas, a reparación de desperfectos e a repavimentación das vías. O prazo de execución deste proxecto será de tres meses.
Así mesmo, a Voceira Socialista do Goberno informou da adxudicación dos traballos de rehabilitación de dous tramos do cinto comarcal, na LU-P-1611, ao seu paso polos concellos de Begonte e Castro de Rei. Concretamente, a institución provincial mellorará o treito comprendido entre o quilómetro 71,700 ao 73,165 na parroquia de Felmil, no concello de Begonte; e outro de máis de cinco quilómetros, entre o punto quilóetrico 78,620 ao 81,800 ao seu paso pola parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei. A empresa adxudicataria, Cholo SL, realizará as obras cun orzamento superior a 375.000 euros.
As intervencións consistirán na mellora da drenaxe, fresado da vía, estendido de aglomerado en quente e reposición da sinalización vertical. Neste caso, a empresa tamén inclúe un aumento do prazo de garantía a tres anos e reducirá o tempo de execución a tan só un mes.
“A actuación no cinto comarcal ten unha importancia fundamental, xa que esta estrada xoga un papel clave nas comunicacións da provincia. De feito, este investimento súmase aos aproximadamente 3,65 millóns de euros que a Deputación xa destinou a melloras nesta vía nos últimos anos”, afirmou Pilar García Porto. E lembrou que “este esforzo inversor é especialmente relevante, tendo en conta que o cinto comarcal conta con máis de 131 quilómetros e conecta varios concellos, polo que a súa mellora ten características propias dunha estrada de titularidade autonómica”.
Rehabilitación da antiga sede de Suplusa
Na Xunta de Goberno de hoxe aprobouse tamén a licitación das obras para a rehabilitación da antiga sede de Suplusa, situada na rúa San Marcos nº11. A Deputación investirá 90 mil euros para rematar os acondicionamentos do edificio, que se destinará ao uso de oficinas. As actuacións inclúen a reparación de humidades, renovación de espazos e a instalación de redes de electricidade, telecomunicacións, calefacción e ventilación.
Convocatoria de emprego público para o programa Agrosocial
Na sesión desta mañá, a Deputación anunciou a aprobación das bases para a creación dunha listaxe de empregados públicos temporais que prestarán servizos no programa europeo Agrosocial, do que forma a Deputación de Lugo xunto a 11 socios de España e Portugal. O proxecto, que se desenvolverá ata xuño de 2026, está financiado con preto de 2 millóns de euros, dos cales o 75% provén de fondos FEDER. A convocatoria permitirá cubrir postos de Técnico ou Técnica, e Coordinador ou Coordinadora, contribuíndo ao desenvolvemento do sector agroalimentario na provincia.
Subasta de parcelas no Polígono Industrial de Saavedra
Ademáis, a institución provincial acordou sacar adiante a subasta pública de 5 parcelas no Polígono Industrial de Saavedra en Begonte. Tres das parcelas son de solo urbano para uso industrial, mentres que as outras dúas son de solo rústico. Este proceso busca favorecer o desenvolvemento industrial e económico da zona, permitindo a implantación de novas actividades produtivas e mellorando as infraestruturas locais.



















Ao remate creouse un pequeno xardín de plantas de tempada de cor rosa na contorna do parque Reina Sofía, como símbolo da loita e da visibilidade desta causa. O Concello agradeceu a participación de todas as persoas asistentes e destacou especialmente o labor da Asociación de Mulleres de San Ciprián, que decorou a cafetaría da Casa do Mar en tons rosas para acoller a merenda final, contribuíndo a crear un espazo cálido e significativo para pechar a xornada.
Solicítase á veciñanza que retire os vehículos estacionados nesta zona durante a mañá do martes, co fin de facilitar o desenvolvemento dos traballos. A Policía Local colocará esta tarde a sinalización informativa correspondente. Durante as actuacións poderán producirse cortes puntuais de circulación, procurando facilitar o acceso aos garaxes da zona. A duración dos traballos dependerá das condicións meteorolóxicas e da súa evolución. O Concello de Viveiro agradece a colaboración da veciñanza e desculpa as molestias que se poidan ocasionar.
A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, explica que foi “un encontro para compartir, aprender e lembrar a importancia da prevención, a detección precoz e a investigación. E, como símbolo de apoio, un lazo rosa ilumina a fachada da Casa do Concello e os donativos recollidos destinaranse integramente á AECC”.
Ribagorda visitou Ribadeo acompañado polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, nun percorrido polas principais rúas comerciais da vila, xunto ao xerente de ACISA, Jesús Pérez, e a concelleira de Comercio, Marta Saiz. Na Pontenova, o presidente da Asociación de Comerciantes, José Luis Balseiro, reuniuse tamén con Alén e Ribagorda. A campaña “De compras pola Mariña”, promovida pola FCAM e financiada por Comercio Galego e a Xunta de Galicia, difundirá varios vídeos nas redes sociais e na plataforma De las cosas del comer. Ribagorda percorreu estes días Foz, Lourenzá, Viveiro, Burela, Ribadeo e A Pontenova, achegándose ao comercio local e ao patrimonio natural e cultural da comarca.
O encontro principal terá lugar no comedor da carta o mércores 28 de outubro, ás 14:30 h. Ese mesmo día, ás 09:00 h, Jesús Manuel Blanco García, presidente da asociación micolóxica Os Bolouros, ofrecerá unha charla introdutoria para abrir a xornada.
Recoñecéronse as ganderías con máis participación na baixada tradicional e na feira, así como os mellores exemplares das distintas razas e categorías equinas. García destacou o valor das San Lucas como espazo de recoñecemento ao gando cabalar e ao labor dos gandeiros, fundamental para o coidado dos montes e a preservación das paisaxes tradicionais. A xornada incluíu unha homenaxe a Luciano García, falecido en xullo, impulsor da baixada dos cabalos e fundador de Puraga.
Tras unha parada nas Pontes para contemplar o lago e lembrar o pasado industrial da zona, o grupo visitou Pontedeume, onde repasou a historia da liñaxe dos Andrade e percorreu unha vila chea de patrimonio e vitalidade. Pola tarde, no mosteiro de Sobrado dos Monxes, os participantes apreciaron o legado da orde do Císter e do barroco galego, e escoitaron parte dunha mostra de música coral. A entidade agradeceu as explicacións de Enrique Campos, secretario da ACFL, así como as achegas de Celia Castro sobre arquitectura medieval e a vida cisterciense.



