A Asociación Española Contra o Cancro recibiu unha doación por parte da Xeración do 75 de ex alumnos do Instituto San Rosendo
Mondoñedo, 30 de maio, 2025. No día de hoxe, Manuel Ángel Otero, Alcalde de Mondoñedo, recibiu, no Salón de Plenos a unha delegación da Asociación Española contra o Cancro.
Na mesma, na que estiveron presentes diversas voluntarias e voluntarios da asociación, encabezados polo presidente da delegación de Lugo, José Manuel Rozas, o Alcalde manifestou o compromiso municipal de traballar a prol da erradicación do cancro e de apoiar de xeito incondicional as iniciativas desta asociación que tanto leva feito en favor dos afectados por esta enfermidade.
Unha vez rematada a xuntanza José Manuel Rozas, presidente da delegación lucense, xunto co Alcalde, reuníronse con Suso Robles e Donald Leivas que lle fixeron entrega, á Asociación Española contra o Cancro, dunha doación económica recollida entre un grupo de antigos compañeiros, ex alumnos do Instituto San Rosendo de Mondoñedo, a Xeración do 75, que se xuntou co gallo do cincuenta aniversario do ingreso no centro mindoniense, para unha comida de confraternización.
Concello e Asociación agradecen o compromiso de Mondoñedo para con esta causa, así como o traballo de todas e todos os voluntarios que son os que fan posible que estas iniciativas a prol da loita contra o cancro teñan efecto. Entre todos conseguiremos a súa erradicación.