Néstor Rego reclama ao Goberno facer público o Memorando de Entendemento asinado entre Xunta, Estado e Alcoa e exixir á empresa que cumpra os compromisos adquiridos cos e coas traballadoras
Madrid, 27 de maio de 2025. Ante o recente anuncio de Alcoa de suspender o reinicio das cubas usando como pretexto o apagón de 29 de abril, o deputado do BNG, Néstor Rego, reclama á Secretaria de Estado de Industria no Congreso unha maior implicación por parte do Goberno do Estado e actuar xa para garantir o mantemento da actividade e os postos de traballo en Alcoa San Cibrao. Néstor Rego exixe a Rebeca Torró dar a coñecer o Memorando de Entendemento (MoU) asinado entre Xunta, Goberno e Alcoa, así como un exixir á empresa que cumpra os compromisos adquiridos cos traballadores e traballadoras, sen renunciar á posibilidade da intervención pública.
“Alcoa é unha planta estratéxica, sendo a única planta de aluminio primario do Estado español que leva varios anos en crise como consecuencia da actuación dunha multinacional norteamericana que non quere continuar coa actividade mais tampouco vender porque non quere ter competencia” destaca o deputado do BNG no Congreso. De facto, en 2021, asinouse un Acordo entre a empresa e os traballadores, polo que Alcoa se comprometía a investir na planta -en especial a construción do forno de ánodos- e mantendo os postos de traballo.
Con todo, a empresa non está a cumprir estes compromisos e recentemente vén de anunciar que suspende o reinicio das cubas usando como pretexto o apagón de 28 de abril. Isto após asinar un Memorando de Entendemento co Goberno do Estado e a Xunta de Galiza en que, até onde se coñece, non se incorporan os investimentos comprometidos, como o forno de ánodos. O deputado nacionalista critica a opacidade deste acordo, xa que non foi trasladado aos traballadores e traballadoras da empresa e tampouco se fixo público.
“A empresa non cumpriu cos traballadores e agora aproveita o apagón para dicir que non van continuar co reinicio das cubas. O Goberno debe reclamar que cumpra” exixe o deputado do BNG no Congreso. Da mesma maneira, Rego demanda ao Goberno do Estado un papel máis activo para reclamar á empresa que inicie os investimentos comprometidos, chave para a continuidade da actividade.
Rego lamenta que a Secretaria de Estado de Industria non respondese ás preguntas e se limitase a sinalar que o Goberno está a traballar para que Alcoa “non marche” da Mariña. O deputado do BNG insiste en que o Goberno debe estar en disposición de proceder á intervención pública da planta, por medio da SEPI, se Alcoa persiste na súa actitude.