A Mariña, 29 de maio de 2025. O ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña lucense, organizado pola FCAM, chegou este curso a máis de 500 estudantes de 6 centros de ensino da comarca. A Mariña Federación fai un balance positivo da iniciativa.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, explicou que “o ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña lucense dirixido ao estundantado desta comarca chegou desde novembro ata o pasado mes abril a máis de 500 alumnas e alumnos de centros de ensino de Ribadeo, Burela, San Cibrao, Foz e Viveiro aos que lles contamos, coa axuda de Iván Marrube, CEO de Reyco (empresa patrocinadora desta iniciativa,) xunto con empresarias e empresarios da Mariña, que saíron en moitos casos deses institutos, que nesta comarca hai moito traballo de calidade e que o mellor sitio para vivir, para emprender e para asentarse é esta marabillosa comarca da Mariña”.
Cruzado Iglesias dixo que “quixemos ir sementando para logo máis adiante ir recollendo froitos e que esa xuventude, que sae dos institutos, que sae da FP, que vai completar estudos fora, que volva porque aquí as empresas precisan da súa man de obra, en todos os sectores”.
Iván Marrube, CEO de Reyco, sinalou: “valoramos moi positivamente a experiencia no seu conxunto, é unha forma de acercar a realidade do mercado laboral aos alumnos de Formación Profesional, de por en valor os traballos de calidade que temos na Mariña Lucense e recibimos de primeira man feedback do alumnado con respecto ao mundo laboral”. E subliñou “a importancia de adaptar a Formación Profesional ás necesidades reais do mercado laboral, por necesidade do mesmo e como vía do alumnado a optar a postos de traballo de boa calidade e remuneración”.
A presidenta da FCAM tivo palabras de agradecemento para Reyco, para as empresas que contaron as súas experiencias e para os centros de ensino: “grazas a Reyco polo seu apoio, aos dinamizadores dos centros de ensino, ás direccións e ao profesorado do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo; dos IES Monte Castelo e Perdouro, de Burela; do IES de Foz; do IES Marqués de Sargadelos, de San Ciprián; e do IES María Sarmiento, de Viveiro, por acollernos. E grazas a todas as empresarias e empresarios que compartiron experiencias e vivencias cos estudantes e con nós”.
José Carlos Paleo, tesoureiro da FCAM, subliñou que “na FCAM traballamos xa para que este ciclo de charlas sobre o futuro laboral na Mariña volva o vindeiro curso e chegue a centos de rapazas e rapaces dos centros de ensino desta comarca”.
No Cenima, en Foz, fixeron o balance da iniciativa Iván Marrube, José Carlos Paleo e Carmen Cruzado.