Foz, 10 de maio de 2205. O Concello de Foz recibirá en propiedade do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar a residencia e centro de día nun prazo inferior a dous meses. Así llo trasladou o xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, ao alcalde, Fran Cajoto, e á concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, este pasado xoves en Santiago.
“Mantivemos unha xuntanza da comisión mixta de seguimento do convenio Consorcio – Concello este xoves en Santiago, na que participaron os servizos xurídicos do propio Consorcio e do Concello de Foz. A reunión foi celebrada a instancia do Concello, que a solicitou o 11 de febreiro do presente ano. O xerente do Consorcio e os seus servizos xurídicos trasladáronnos que dispoñían de toda a documentación necesaria e que nos transferirán, tal e como asinamos no convenio, a propiedade da residencia e centro de día nun prazo inferior a dous meses”, indica o alcalde.
O rexedor municipal de Foz reclama de novo unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, que xa pediu “por activa e por pasiva. É indignante que non tivera a decencia de concertarnos unha cita despois de tantos anos. Estamos a falar de que a Consellería de Política Social adebeda anualmente ao Concello de Foz máis de 700.000 euros polo servizo de axuda no fogar e pola residencia e centro de día. Hai que buscar solucións: unha posibilidade pode pasar polo concerto de prazas coa residencia municipal, tal e como fai a Xunta con empresas privadas”, explica Fran Cajoto, que engade: “a Xunta está a facer deixadez de funcións nas súas competencias, abandonando aos maiores de toda Galicia. É curioso o que está a pasar, en concellos gobernados tanto polo PSOE como polo Partido Popular. Sen ir máis lonxe en Foz PP e BNG bloquearon a adxudicación da residencia proposta pola mesa de contratación con un prezo de 2.012,92 euros ao mes (IVE incluído) para un grao III, dispoñendo o Concello de Foz de axudas de emerxencia para todos aqueles usuarios que non tiveran patrimonio. Os motivos cada vez están máis claros cando o Concello de Castro de Rei, gobernado polo Partido Popular, acaba de sacar a licitación a xestión da residencia con un custo por usuario de 2.184,52 euros para un grao III, IVE incluído. A media da pensión en Foz é de 17.000 euros e en Castro de Rei de 14.600, segundo o Instituto Galego de Estatística. Estamos fóra de toda lóxica”.





















A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Sandra Vázquez, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asistiu á ofrenda da Virxe dos Remedios en Mondoñedo.
Era o único ocupante do turismo e os Bombeiros de Vilalba tiveron que excarceralo. Ao fío das 13:30 horas, un particular informou ao 112 Galicia dun coche que se saíra da vía e acabara batendo contra unha árbore no quilómetro 75 da N-640, en Ludrio (Castro de Rei). O propio alertador sinalou que o accidente semellaba grave polo estado no que quedara o vehículo. Cando chegaron ao lugar, os servizos de emerxencias confirmaron que só había unha persoa implicada,un home que resultou falecido e foi excarcerado polos bombeiros. No operativo participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros de Vilalba e os servizos de mantemento da estrada.
O director xeral agradeceu aos membros e traballadores da entidade todo o seu labor na defensa dos dereitos dos máis novos. Deste xeito, puxo en valor a súa traxectoria e o compromiso cun modelo integrador e inclusivo no que os menores do sistema de protección vivan nunha contorna totalmente familiar. Neste sentido, Jacobo Rey fixo fincapé na importancia da colaboración entre a Xunta e o tecido social para seguir fortalecendo un sistema que garanta o benestar dos nenos e adolescentes, con centros como San Aníbal que conforman un auténtico fogar.
A alcaldesa Marta Rouco inaugurou a cita, que abriu coa IV Volta Ciclista á Terra Chá e cunha programación centrada na relación entre Galicia e Cuba e na memoria da emigración. Houbo unha mesa redonda sobre o Centro Galego da Habana, a exposición Galicia Imaxinada e música, ademais dunha mostra de xornais antigos. Rouco reivindicou a importancia de lembrar a emigración galega e apelou a mirar con humanidade as migracións actuais, destacando tamén o papel das asociacións culturais das parroquias na conservación das tradicións. A feira continou con desfile de época, xantar popular, xogos, animación, baile cubano, foliada, queimada e propostas musicais e artesanais ata a noite.
Na IV Festa dos Ovos Rotos con Chourizo e Feira de Artesanía, María José Gómez puxo en valor a importancia económica e social deste produto e o papel da artesanía alimentaria, con sete operadores presentes. Subliñou que o evento consolídase como unha cita que promove a gastronomía galega e recupera oficios tradicionais, dinamizando a vida económica e social de Castro de Rei.
Ocorreu minutos antes das 11:30 horas. Unha persoa foi trasladada ao hospital tras resultar ferida na colisión entre un coche e un autobús no quilómetro 512 da A-8 en sentido A Coruña, en Vilaframil (Ribadeo). Entre os alertadores estiveron as persoas que viaxaban no coche, que puideran saír do vehículo. Por outra banda, o autobús conseguiu deterse uns metros máis adiante. Ao punto desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Garda Civil de Tráfico e os servizos de mantemento da autovía.
O próximo luns 14 de setembro comeza un novo curso de español dirixido a persoas estranxeiras da man de Ecos do Sur, que se desenvolverá ata o 9 de outubro. A formación será dun total de 80 horas e as clases terán lugar de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas no Centro de Formación Ocupacional. O concelleiro de Inmigración, Mario Pillado, destacou o valor destas propostas para “facilitar ferramentas útiles ás persoas estranxeiras residentes no municipio e favorecer a súa integración, tanto social como administrativa”.



