Os senadores -José Manuel Balseiro. José Manuel Barreiro e Juan Serrano- deron a coñecer as respostas oficiais do Goberno de España a alcaldes e portavoces da zona da autovía A-8
Mondoñedo, 14 de maio de 2025. Os senadores do PP lucense – José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- advirten da “falta de planificación” do Goberno de Sánchez para a implantación da solución definitiva para minimizar os problemas que provoca a néboa na autovía A-8 no Alto do Fiouco á vista de que, en resposta oficial ás súas preguntas, “evita concretar datas”.
As singulares condicións meteorolóxicas no entorno do Alto do Fiouco producen episodios de densa néboa que dificulta a condución en condicións de seguridade e que, nalgúns casos, obriga a desviar o tráfico pola estrada nacional N-634 entre Abadín e Mondoñedo. E para minimizar os problemas que provoca a néboa, o Goberno de España explorou posibles solucións innovadoras sen adoptar por agora ningunha solución definitiva.
“Concluída xa a fase de experimentación a finais do 2021, despois de 3 anos e medio, o Goberno continúa sen implantar unha solución definitiva”; a pesar de que o comité técnico de expertos concluíu que o sistema de balizamento láser é eficaz e viable técnica e economicamente. “O propio Goberno recoñece que ten o proxecto en redacción; pero agora vai vir o verán, que é cando máis peches se producen neste tramo da autovía debido á néboa, e seguimos sen dispoñer dun sistema que mellore a seguridade viaria en condicións de visibilidade reducida”, engaden.
Os representantes do Partido Popular pola provincia no Senado deron a coñecer a alcaldes e portavoces dos municipios polos que pasa a autovía as respostas oficiais por escrito do Goberno de España ás súas preguntas.
Os populares téñense interesado polos ensaios e a eficacia dos sistemas para mellorar a seguridade viaria, a posibilidade de ampliar o tramo actualmente con balizas laterais detectoras de presenza -que o Goberno descarta porque non hai ningún proxecto de ampliación- e os motivos polos que se atrasa a instalación e posta en funcionamento do balizamento láser.
Os populares aseguran que “a nós preocúpanos a seguridade das persoas”; mentres que, á vista das respostas, “o Goberno parece máis preocupado polos números” toda vez que fala de horas de peche ao tráfico. De feito, é a autovía que máis peches rexistra ao ano en España. Pero tamén “parece que hai un afán recadatorio” dado que neste tramo da A-8 se atopa un dos radares que máis recada de España.
“Nin solucionan o problema, nin arranxan a N-634 que á alternativa entre Abadín e Mondoñedo cando pecha a A-8 pola densidade da néboa. A pesar de todo o que recadan, nada fan”, conclúen os populares.