O convenio, aprobado este venres na Xunta de Goberno da Deputación, permitirá renovar a rede de estradas de Xove cunha achega provincial superior ao 70% do investimento total
Xove, 20 de xuño de 2025. A Agrupación Socialista de Xove celebra a aprobación dun convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello de Xove que permitirá acometer a renovación integral da rede de estradas municipais. O acordo supón un investimento de 1.636.807,30 euros entre 2025 e 2028, cunha achega maioritaria da Deputación de Lugo, que asumirá máis do 70% do custo total.
O convenio contempla reparación con aglomerado en quente, mellora de curvas e pontes, e renovación da sinalización, co obxectivo de modernizar a rede viaria e adaptala ás necesidades actuais. Trátase dunha actuación que responde a unha demanda reiterada do PSdeG de Xove e ao compromiso do Presidente da Deputación, José Tomé Roca, co municipio.
“Este foi un compromiso claro da nosa candidatura, e hoxe é unha realidade grazas á colaboración entre socialistas que traballamos pola mellora do municipio”, destacan desde a agrupación.
O PSdeG de Xove trasladou esta necesidade en numerosas ocasións e atopou sempre receptividade e vontade de colaboración por parte da Deputación de Lugo. Grazas a ese compromiso e ao traballo conxunto, o convenio é agora unha realidade. “Fronte ás escusas do alcalde, nós traballamos con seriedade e centramos os esforzos en buscar solucións reais”, afirman.
A primeira fase das actuacións comezará este mesmo ano e inclúe obras nas seguintes vías:
LU-P-2601 Xove – Portiño por Morás
LU-P-2604 Xove – Valcarria por Monte
LU-P-2605 A Tronca – Tarolo por Vila
LU-P-6606 Augadoce – Fontao por Faro
Ademais das actuacións previstas, o convenio contempla a futura cesión ao Concello doutras seis estradas provinciais, unha vez aprobada polo Pleno da Deputación.
A Deputación elaborará e entregará ao Concello os proxectos técnicos das seguintes fases, para que sexan executadas ao longo do período de vixencia do convenio.
Desde o PSdeG de Xove lembran que esta foi unha das propostas centrais da candidatura socialista nas pasadas eleccións municipais. “Hoxe demóstrase que o noso compromiso político dá froitos reais. Mesmo sen estar no goberno, conseguimos avances importantes grazas ao traballo serio e ao diálogo institucional. Ese é o camiño”, conclúen.