Será o xoves 5 de xuño ás 11:30h diante do Centro de Saúde
A Mariña 2 de xuño de 2025. A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca novamente unha concentración en Viveiro para demandar a cobertura total e estable da plantilla de profesionais. “Viveiro sufre desde hai moitos anos unha situación sanitaria insoportable, unha verdadeira desfeita, con falta de profesionais de medicina de familia, pediatría e mesmo enfermería continuados no tempo, o que xenera ás persoas agardas para, consultas, analíticas ou renovación de baixas e receitas de vinte ou máis días. Este desprezo continuado por parte do goberno do PP cara á Mariña e particularmente cara á cidade de Viveiro en sanidade, máis tamén en comunicacións, infraestruturas ou industria, producen un gran sufrimento na poboación, xa que a maiores destas agardas para citas con medicina de familia e os viveirenses están a soportar agardas para as especialidades hospitalarias insoportales, chegando nalgún caso aos cinco anos e tamén derivacións cara a Lugo para cousas quese poderían facer no hospital da Mariña por unhas estradas iguais ás que había hai trinta anos”.
Por iso desde este colectivo “esiximos unha vez máis a cobertura estable, continuada e total de todas as ausencias que existan no seu centro de saúde en todas as categorías profesionais. E chamamos a veciñas e veciños de Viveiro, dos concellos dependentes deste centro de cabeceira e en xeral de toda a comarca a que acudan a esta concentración porque está comprobado que nos lugares onde a poboación loita e fai frente común pola sanidade, o Sergas esfórzase en arranxar a situación para tentar calar o clamor social, como ocurriu co movemento En Defensa dos Pacientes da Mariña tras trinta e cinco xornadas continuadas de loita” conclúe Montse Porteiro, coordinadora do colectivo sanitario.