A actuación ascende a máis de 55.000 euros, dos que o 70% é subvencionado con abeiro á orde publicada pola Consellería de Presidencia da Xunta
Barreiros, 3 de xuño de 2025. O Concello de Barreiros vén de lograr a concesión dunha subvención de 39.165,15€ para a rehabilitación interior das Escolas de Vilamartín Pequeno. O orzamento total da obra ascenderá a 55.950,23 euros, dos que o Concello aportará a parte non subvencionada, que supón 16.785,08 euros.
A alcaldesa, Ana Ermida, reuniuse na tarde de onte, acompañada polo equipo de goberno, con representantes da Asociación de Veciños da parroquia para explicarlles o investimento que se realizará e os prazos que se manexan. A rexedora compartiu a alegría da veciñanza por poder levar a cabo este investimento, “xa que se trata dunhas obras moi demandadas polas persoas da parroquia, porque é o único lugar no que estaban a utilizar un inmoble que non se reformara en absoluto desde a súa construción na década dos 60”.
Nos últimos anos, a vida dese inmoble vai incrementándose, xa que acolle as actividades da propia Asociación veciñal e as realizadas polo Concello, como a visita dos Reis Magos, contacontos, espectáculos de maxia, música ou mesmo reunións municipais, explica Ana Ermida, “polo que é fundamental adaptar o espazo para que sexa moderno e inclusivo e permita a súa utilización por toda a poboación e en condicións actuais”.
As obras incluirán a dotación dun espazo de acceso con zona de almacenamento e un baño adaptado a persoas con mobilidade reducida, que substituirá aos existentes dos anos 60. Tamén se realizará a adecuación do espazo para unha sala multiusos que permita seguir dotando de vida estes locais que tamén serven como punto de reunión da veciñanza. O prazo para a execución abarca ata o mes de outubro.
Ana Ermida lembra que “para este goberno municipal sempre foi unha prioridade recuperar os edificios existentes para convertelos en verdadeiros locais sociais e de reunións veciñais. Tamén crear zonas de ocio vinculadas a estes, como xa se fixo no seu momento coa área de descanso que se habilitou a carón destas escolas”.
A alcaldesa agradeceu “á Asociación e a toda a veciñanza o esforzo realizado ao longo dos anos por manter viva unha pequena parroquia rural e pola colaboración que sempre amosan para dinamizar a súa veciñanza, coa participación nas actividades que se organizan desde o Concello”.
Ermida tamén anunciou que contan cun proxecto para o seu arranxo exterior, por un importe de máis de 34.000€, para o que se denegou unha axuda que se solicitara á Xunta; pero co que continúan traballando para lograr financiación e poder mellorar tanto os peches como a zona de uso exterior.