As dúas futbolistas portuguesas abandonan a disciplina laranxa despois dunha tempada
Burela, 16 de xuño, 2025. O dúo portugués que chegou o pasado verán ao Burela FS, composto polas internacionais Carolina Pedreira e Débora Lavrador, non continuará a súa aventura de laranxa. Ambas, que arribaron a terras mariñás procedentes do Ence Marín Futsal, abandonan a disciplina burelista despois dunha campaña na que axudaron á conquista da Copa Galicia e da Copa da Raíña. O club agradécelles ás dúas ás o seu traballo, esforzo e implicación, á vez que lles desexa sorte e éxitos nos seus próximos retos deportivos e persoais.
Carolina Assis Olim Mendonça Pedreira (Cascais, 2022) participou nun total de 27 partidos, entre liga regular e play off, nos que anotou 12 goles, pero foi sobre todo nos torneos copeiros onde máis destacou. Despois de superar unha lesión de xeonllo que a mantivo apartada das pistas ao redor de dous meses, a lusa regresou xusto para participar na final da Copa Galicia, onde foi clave cun triplete e un gol na quenda de penaltis. Posteriormente, na loita pola Copa da Raíña, a súa perna esquerda volvía aparecer para anotar o terceiro tanto da final, que practicamente decantaba a balanza do lado burelés diante do Torreblanca Melilla.
Pola súa banda, Débora Marisa Fernandes Lavrador (Lisboa, 1996) tivo un papel máis discreto que a súa compatriota, xa que dispuxo de menos minutos e oportunidades nos esquemas de Julio Delgado. A pesar de todo, a lisboeta participou en 32 partidos ligueiros e conseguiu anotar un total de 8 goles, algún deles de bela factura como o seu primeiro tanto de laranxa en Vista Alegre, que chegou na segunda xornada contra o Alcorcón cunha fantástica execución de espuela.