Lugo, 19 de xuño de 2025. A área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos vén de facer pública a licitación do Servizo de codificación dos diagnósticos e procedementos das altas hospitalarias e de hospitalización a domicilio dos seus hospitais públicos, por un valor de 195.415,01 € (IVE incluído).
CIG-Saúde denuncia que esta licitación supón a privatización dunha actividade esencial para a sanidade pública e pon en risco a confidencialidade dos datos que figuran nas historias clínicas xa que so o 30% do equipo da empresa que realice a codificación debe traballar desde o Hospital Lucus Augusti e o resto accederá desde fóra da rede do SERGAS.
O Servizo Galego de Saúde ten creada a categoría de Técnico/a Superior en documentación sanitaria, que ten entre as súas funcións a codificación dos procesos que se producen no entorno sanitario.
Ademais, ten listas de contratación para esa categoría, na quenda libre 370 persoas e na de promoción interna 43, en total 413 persoas inscritas nas listas de contratación e a disposición do SERGAS para ser chamadas para unha contratación pública.
Unha vez máis, a Consellería de Sanidade opta por privatizar unha parte da actividade da Sanidade Pública no canto de reforzala coa contratación de profesionais que ten agardando nas súas listas de contratación.
Todas as actividades obxecto da licitación poden ser realizadas, con calidade e seguridade, desde o ámbito público.
Contratación das listas
CIG-Saúde reclama que, se é preciso incrementar a capacidade de codificación, se contrate ao persoal que está nas listas de contratación nos hospitais públicos, creando as prazas estruturais necesarias, comezando polos hospitais da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos e se suspenda esta licitación.
O obxecto da licitación é a contratación do servizo de codificación clínica, segundo a CIE-10-ES (Clasificación Internacional de Enfermidades) e CIE-O (Clasificación Internacional de Enfermidades para Oncoloxía) dos episodios de altas hospitalarias e hospitalización a domicilio nos hospitais da área sanitaria: Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), Hospital Público da Mariña (HPAM) e Hospital Público de Monforte (HPM).
O servizo licitado supón a codificación dunhas 25.000 altas anuais, 23.000 altas hospitalarias e 2.000 altas de hospitalización a domicilio.
A licitación obriga ao persoal da empresa adxudicataria a consultar toda a documentación clínica necesaria (informes médicos, histolóxicos, cirúrxicos, etc.) para garantir unha codificación completa e precisa.
Na licitación recóllese que a empresa adxudicataria pode acceder ao sistema de historia clínica do Servizo Galego de Saúde (IANUS) desde fora da rede do SERGAS, “a través dunha conexión electrónica segura” vía VPN, prohibíndose de maneira expresa descargar nin copiar documentación clínica.
Sobre o persoal requirido para realizar a codificación, a licitación recolle que ten que ter a Titulación de Técnico Superior en Documentación e Administración Sanitarias, con formación específica en CIE-10-ES e un mínimo 5 anos de experiencia.