Foz, 5 de xuño de 2025. Esta fin de semana será intensamente cultural en Foz, con actividades como teatro e encontro de corais.
“Achégase o verán ao concello de Foz, e con el as ganas de máis actividades. Esta fin de semana está chea de cousas das que desfrutar e esperamos que a xente se anime a saír e vir por Foz a acompañarnos. As asociacións realizan un traballo enorme para organizar todos estes eventos”, anima a concelleira de Cultura, Inés López Couto.
A edil anuncia que “o venres 6 ás 20.30 horas na Casa da Cultura dará comezo o IV Certame de teatro afeccionado, coa obra Sen frores nin coroas. O sábado 7 chega unha nova edición do Auto Clásicos de Foz; fronte á praia da Rapadoira poderanse ver diferentes modelos de coches clásicos así como a comida que se celebrará despois, organizada por Auto Clásicos Foz. Continúa o certame de teatro, esta vez ás 18.30 horas, tamén na Casa da Cultura coa obra Segredos de familia e licor café. E para quen lle guste a música, ás 19.30 horas na Basílica de San Martiño, o Encontro Internacional de Corais, organizado pola Coral Polifónica de Foz coa compañía da Coral Cor San Dameto (Palma de Mallorca) e Amigos da Música (Espinho). E xa no ámbito deportivo, o Club Baloncesto Celtas organiza o seu día do club, no Campo da Cabana a partir das 18.00 horas, con xogos, comida e música para grandes e pequenos. O domingo 8 finaliza a finde coa terceira obra do Certame de teatro Cartas da muller ausente, ás 18.30 horas na Casa da Cultura”.