Alfoz, 11 de xuño de 2025. O Concello de Alfoz quere expresar o seu profundo pesar polo falecemento de Don Jorge Val Díaz, Primeiro Tenente de Alcaldesa desta Corporación, ocorrido o día 10 de xuño de 2025.
Don Jorge Val foi unha figura fundamental na vida política e institucional do municipio. Titular da Alcaldía entre os anos 2015 e 2023 e concelleiro desde 1983 polo Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, dedicou máis de catro décadas ao servizo público, sempre guiado por un compromiso cos veciños e veciñas de Alfoz.
En recoñecemento á súa traxectoria e á súa valía tanto política como persoal, a alcaldesa, Efigenia Maseda Paz, vén de asinar un decreto no que se establece:
A declaración de loito oficial durante tres días, nos que as bandeiras dos edificios públicos municipais ondearán a media asta.
A suspensión de actos institucionais municipais con carácter festivo ou de celebración durante ese período.
A convocatoria dun minuto de silencio este martes 11 de xuño, ás 12:00 horas, diante da Casa Consistorial, ao que están convidados todos os membros da Corporación e a cidadanía en xeral.
Desde o Concello de Alfoz “trasladamos as nosas condolencias á familia, amizades e compañeiros de Don Jorge Val Díaz, agradecendo e recoñecendo a súa entrega e dedicación a esta terra”.