Os deputados Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro e Javier Varela, visitaron o municipio xunto ao alcalde, Jesús Novo, para comprobar a necesidade de asfaltar de xeito uniforme esta estrada, así como renovar a sinalización vertical, pintar a horizontal e realizar o desbroce da maleza
O Vicedo, 19 de xuño de 2025. Os deputados do Grupo Provincial Popular esixen ao goberno provincial de PSOE e BNG o arranxo e mantemento da estrada LU-P-6405, no Vicedo, para garantir a total seguridade dos usuarios desta vía, moi transitada, especialmente no verán, xa que dá acceso á praia de Xilloi.
Os deputados provinciais, Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro e Javier Varela, xunto ao alcalde da localidade, Jesús Novo, comprobaron o estado desta estrada provincial e comunicaron ao alcalde que pedirán no pleno deste mes que a Deputación de Lugo acometa o arranxo desta estrada provincial, traballos que deben incluír o asfaltado uniforme da vía, a renovación da sinalización vertical, o pintado da horizontal e o desbroce da maleza.
Antonio Ameijide explica que unicamente falta por realizar o aglomerado en quente dun treito de 1,3 km da LU-P-6405, o treito que vai dende Vilasuso ata a estrada LU-862. “Pedimos algo tan sinxelo como arranxar un treito de pouco máis dun quilómetro, unha reclamación de todos os veciños de Vicedo, que ademais conta co respaldo de dous acordos plenarios da corporación municipal”, explicou.
O voceiro popular recorda que o pleno do Concello do Vicedo, en novembro de 2020, acordou por unanimidade dirixirse á Deputación de Lugo para acometer esta actuación “o antes posible” e, ante a pasividade do goberno provincial de PSOE e BNG, o 28 de maio deste ano, tamén por unanimidade, o pleno do Concello do Vicedo acordou “solicitar á Deputación provincial de Lugo o arranxo do treito da vía que vai dende Vilasuso ata a LU-860, en aglomerado, o antes posible”.
“Queda claro que é unha reivindicación xusta xa que todos os grupos da corporación están de acordo en realizar esta petición, agora só falta ver se José Tomé, o PSOE e o BNG tratan de forma igualitaria a todos os veciños da provincia e atenden esta petición ou miran cara outro lado como levan facendo todos estes anos”, explicou.
Pola súa banda, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, destacou que “é necesario actuar neste treito xa que no se entende que no seu momento se actuara nunha parte da estrada e deixasen unha zona de pouco máis dun quilometro sen arranxar”.
Jesús Novo destaca que esta estrada “é unha das máis importantes” do municipio xa que ao dar acceso á praia de Xilloi, con bandeira azul dende fai moitos anos, é un dos reclamos do Vicedo ao ser a estrada que dá acceso a este areal que, ao igual que todas as vías de comunicación coas praias da Mariña, conta cunha elevada densidade de circulación.