Lugo, 12 de xuño de 2025. O Colexio Oficial da Arquitectura Técnica de Lugo renovou a súa Xunta de Goberno coa proclamación oficial dunha candidatura única, que queda automaticamente electa conforme aos Estatutos do Colexio. Esta nova etapa combina experiencia e renovación, e está marcada pola estabilidade, a pluralidade e o compromiso cos retos presentes e futuros da profesión.
A candidatura proclamada destaca polo seu equilibrio de xénero, a diversidade xeracional e xeográfica, así como pola representación de distintos perfís profesionais do sector. Esta variedade garante unha visión ampla e plural da realidade profesional na provincia.
A nova Xunta de Goberno queda conformada por:
– Presidente: José Manuel Grandío Rodríguez
– Secretario: Antonio Javier Núñez Núñez
– Tesoureiro-Contador: Xabier Pardiñas Suárez
– Vocal 1ª: María José Yáñez García
– Vocal 2º: Enrique Mayo López
– Vocal 3ª: Patricia López Vázquez
– Vocal 4ª: Aroa Mayo Rodríguez
José Manuel Grandío Rodríguez renova no cargo de Presidente, que vén desempeñando desde o ano 2021. Tamén continúan nesta etapa Enrique Mayo López, como vocal, e Xabier Pardiñas Suárez, quen pasa a ocupar agora o posto de Tesoureiro-Contador. Reincorpórase á Xunta Antonio Javier Núñez Núñez, presidente do Colexio entre 2013 e 2021, que asume agora o cargo de Secretario.
A Xunta renóvase en máis dun 60%, con catro novas incorporacións que reforzan o compromiso coa participación e coa renovación institucional. Desde o punto de vista territorial, a nova Xunta representa distintas zonas da provincia: María José Yáñez García, de Lugo, representa a capital e a súa contorna; Aroa Mayo Rodríguez, de Foz, representa a Mariña; e Patricia López Vázquez, de Sarria, representa o sur da provincia.
Así mesmo, o equipo reflicte distintos perfís profesionais dentro do ámbito da arquitectura técnica: desde o exercicio libre ata o traballo na administración, pasando pola docencia ou a especialización en prevención de riscos laborais.
Con esta nova composición, o Colexio afronta unha etapa centrada no fortalecemento institucional, o impulso á formación continua e a defensa activa da profesión en todos os seus ámbitos de exercicio.
Desde a Xunta de Goberno entrante “queremos agradecer ao colectivo a confianza depositada, e facer un recoñecemento especial a todas as compañeiras e compañeiros da directiva saínte, polo seu traballo e dedicación ao longo destes anos”.