Cervo, 28 de xullo, 2025. O Concello de Cervo celebrou este mediodía a Xunta Local de Seguridade, unha reunión copresidida pola alcaldesa, Dolores García Caramés, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, na que tamén participaron a concelleira Mali Méndez, así como representantes da Garda Civil, do Subsector de Tráfico, da Policía Autonómica e da Policía Local .
Durante o encontro abordáronse diversas cuestións relacionadas coa coordinación dos dispositivos de seguridade que se porán en marcha nos vindeiros meses, coincidindo coa celebración de eventos que congregan unha importante afluencia de persoas no municipio. Entre eles destacan dúas festas declaradas de Interese Turístico Galego:
A Festa da Maruxaina (9 de agosto)
A Queimada Popular (23 de agosto)
O obxectivo principal desta xuntanza foi garantir a seguridade e o bo desenvolvemento das celebracións, de xeito que tanto a veciñanza coma as persoas que visiten Cervo poidan gozar destas citas emblemáticas nun ambiente seguro e organizado .
Tamén se tratou a coordinación entre os distintos corpos de seguridade para actuar de forma eficaz ante calquera incidencia que se poida producir e reforzar a presenza nos puntos máis concorridos.
Ademais, valorouse de maneira positiva a colaboración institucional e a planificación conxunta como ferramentas clave para o éxito destas festas que constitúen un sinal de identidade do municipio e que cada ano atraen a centos de visitantes.