Foz, 31 de xullo de 2025. O Concello de Foz presenta o cartel das festas do San Lourenzo e un mes de agosto repleto de actividades.
“Chega agosto e con el continúan as actividades en Foz. O verán é para vivilo e en Foz temos actividades para todos os gustos, para que todo o mundo poda disfrutar da natureza, do mar, da nosa gastronomía, cultura e deporte”, explica o alcalde, Fran Cajoto.
“Este mes de agosto está cargado de actividade, dende as festas do Carme de Nois ou a festa hawaiana ata a Festa Normanda, e como punto focal as festas do San Lourenzo”, indica Inés López Couto, concelleira de Cultura. “Foz é un pobo onde sempre hai unha actividade para pasar o tempo. O teatro continúa acompañándonos todos os martes no Campo da Cabana, o Festival Bal y Gay e a Feira do libro protagonizan a metade do mes e non podemos olvidarnos de actividades tan interesantes coma poder xogar no Interactive Supergrid, coa praia da Rapadoira como fondo”, continúa a concelleira.
Tamén serán protagonistas as actividades deportivas, xa que “as Noites Alternativas chegan á Rapadoira co fútbol e volei praia”, explica o concelleiro de Deportes e Xuventude, Ángel Fernández Neira. “Sen esquecernos das actividades que continuarán no Campo da Cabana, coma o 3×3 de basket ou o wipe out, e na praia de Tupide a sempre divertida Festa Acuática”.
As festas do San Lourenzo, declaradas de interese turístico galego, serán o punto máis intenso do mes de agosto de Foz. As verbenas darán comezo o día 8 co pregón, que será a cargo de Juan Carlos Fernández Pulpeiro, xornalista e escritor galego (nado en Foz) e que foi xefe do servizo de prensa, comunicación e protocolo da Deputación Provincial de Lugo. O pregón será na praza Rosalía de Castro ás 20.30 horas e a continuación será o grupo Toxo Guayaba o encargado de dar comezo á música nas festas. A partir das 22.30 horas na explanada portuaria será tempo para a orquestra Salsarena (no seu décimo aniversario) e a disco móbil Infinity. O día 9 ás 12.00 horas no Estadio Martínez Otero chega o XXXVI Trofeo Vila de Foz cos equipos Cultural Leonesa e CD Lugo. Ás 14.00 horas haberá sesión vermú na explanada portuaria coa orquestra Suavecito e pola noite a partir das 22.30 horas Suavecito estará acompañada do Grupo Clan Zero. O domingo 10 é o día grande de San Lourenzo. Ás 12.00 horas celebrarase misa solemne e procesión con A Subela, a partir das 14.00 horas sesión vermú na explanada portuaria coa orquestra Sinfonía, e pola noite a partir das 21.00 horas o Grupo Nostalgia, de Vigo, actuará na Praza Conde de Fontao. Ás 23.59 horas haberá os tradicionais fogos de artificio no paseo de Laredo e a continuación verbena con Sinfonía e Costa Dorada. E para finalizar o luns 11 a partir das 22.30 horas será o grupo Arizona o que peche o San Lourenzo 2025.
A foto do cartel das festas de San Lourenzo é do arquivo municipal, fondo de Foto Celta, recuperada por Vicente Fernández Muñiz.
O alcalde convida a “vivir Foz e desfrútalo. No noso maxín están os fogos de artificio do San Lourenzo, que para min representan o verán da Mariña. Desexámoslles a veciños e visitantes unhas boas festas e un magnífico verán”.
Todas as actividades coas súas datas e horarios poderán ser consultadas na web do Concello de Foz e tamén nas súas redes sociais e nos distintos departamentos municipais.