Viveiro, 17 de xullo, 2025. A portavoz municipal do BNG en Viveiro ata agora, Míriam Bermúdez, presenta a súa renuncia como concelleira e pon fin á súa etapa política. Acompáñana nesta decisión Bea Lage, responsable local, e Iván Pena, responsable de comunicación.
Entre outras cuestións, a marcha prodúcese por discrepancias cos responsables comarcais do BNG e pola inacción do BNG nacional para resolver o problema.
Durante os últimos anos, Míriam Bermúdez desenvolveu a súa actividade con moito traballo, esforzo e dedicación. Grazas a ese compromiso, o BNG pasou de non ter representación no Concello de Viveiro a contar con tres concelleiros na actualidade. Ao longo deste período, impulsáronse propostas propias, actuais e orientadas á modernización de Viveiro.
Míriam Bermúdez pecha así esta etapa na que contribuíu á consolidación dunha organización local máis estruturada e un concello máis dinámico e enfocado na veciñanza.