Olalla Rodil ”a veciñanza de Vilalba vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario”
Vilalba, 22 de xullo, 2025. A deputada nacionalista Olalla Rodil participou hoxe xunto con militantes do BNG e veciñanza de Vilalba nunha concentración para denunciar a falta de persoal facultativo no centro de saúde.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) en Vilalba viven 13.381 persoas que son atendidos por 7 dos 11 facultativos cos que se debería contar, 3 menos debido a 2 xubilacións e 1 baixa. Tamén se sofre unha reducción de persoal no servizo de enfermería, no cal non se estan cubrindo as vacacións dos profesionais. O mesmo pasa co servizo de pediatría onde en Vilalba existen 2 prazas e a día de hoxe as crianzas non teñen atención pediatrica
“A veciñanza de Vilalba vén amosando unha importante preocupación pola merma do servizo sanitario e por iso lle solicitamos ao goberno da Xunta de Galiza que garanta a asistencia sanitaria plena e que se dote a este centro de todo o persoal sanitario” denuncia Rodil.
“Desde o Bloque Nacionalista Galego compartimos a preocupación veciñal pois situacións semellantes vividas noutros concellos rurais demostran que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza non dubida en deixar baleiras e mesmo recortar prazas de médicas e médicos” declarou a deputada nacionalista.
Para o BNG é fundamental que servizos públicos esenciais como a sanidade e a educación se manteñan coa máxima calidade en todo o País pero máis aínda nos concellos rurais pois o peche ou merma destes non fai máis que afondar no despoboamento. Non pode pregoarse o compromiso co rural e logo converter a vida das persoas que viven nel nunha carreira de obstáculos á hora de recibir prestacións básicas, como a sanitaria.