
POSTS – CONCELLO DE VIVEIRO – 266
Viveiro, 22 de xullo de 2025. O Concello de Viveiro presentou esta mañá na Oficina de Turismo a súa nova revista turística, unha publicación que reúne información actualizada sobre os principais recursos turísticos do municipio, así como unha sección destacada con novas rutas de sendeirismo pensadas para descubrir a riqueza natural e cultural da contorna.
No acto participaron a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde; a técnica de Turismo do Concello, e Horacio Albo, responsable do deseño das novas rutas, quen explicou que os itinerarios están adaptados a diferentes niveis e buscan conectar espazos naturais, elementos patrimoniais e puntos de interese pouco coñecidos para o público visitante.
Gueimunde destaca que esta nova revista “é unha ferramenta útil tanto para visitantes como para a veciñanza, que nos axuda a coñecer mellor todo o que Viveiro ten para ofrecer durante todo o ano, máis alá do turismo de verán”. Ademais, agradece “o traballo realizado polos servizos municipais e os profesionais implicados neste proxecto, que reforza a aposta por un turismo sostible e de calidade”.
Con esta iniciativa, o Concello de Viveiro continúa a traballar na promoción do municipio como destino atractivo, accesible e comprometido coa posta en valor do seu patrimonio.