A mobilización, impulsada polo alcalde Darío Campos Conde e a ANPA do CEIP, reuniu máis de 300 persoas diante da Delegación da Xunta en Lugo
Lugo, 23 de xullo de 2025. O PSdeG-PSOE na provincia de Lugo participou este mércores na concentración celebrada ás portas da Delegación da Xunta en Lugo, convocada para denunciar o abandono que sofre A Pontenova por parte do Goberno galego en materia de sanidade e educación públicas.
A mobilización, impulsada polo alcalde socialista Darío Campos Conde e pola ANPA do CEIP da localidade, reuniu máis de 300 persoas que reclamaron solucións urxentes fronte á precariedade dos servizos públicos no municipio.
O acto contou coa participación da Secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez; da Vicesecretaria Xeral provincial e Secretaria de Organización, Pilar García Porto; do Alcalde da Fonsagrada, Carlos López; do Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias; así como doutros cargos do partido na provincia.
Durante a protesta reclamouse a cobertura inmediata das prazas de médico vacantes no centro de saúde; a redución das listas de agarda, que chegan a superar os 15 días; a restitución da aula de infantil eliminada no CEIP; e a mellora das instalacións do colexio, que presentan graves deficiencias.
Desde o PSdeG na provincia de Lugo subliñaron que esta concentración “amosa a forza dun pobo que non se resigna e o compromiso dun partido que está á beira da veciñanza cando máis se precisa”.
“Esta resposta cidadá demostra que A Pontenova non está soa: hai un pobo mobilizado e un partido comprometido coa defensa dos servizos públicos”, valorou o Alcalde Darío Campos.
Os socialistas instan á Xunta de Galicia a actuar con responsabilidade e a atender de inmediato estas demandas. “Falar de igualdade é facer posible que no rural tamén se garantan servizos públicos dignos”, conclúen.