O delegado territorial, Javier Arias, e o alcalde do municipio, Jesús Novo, presentaron hoxe a programación na sede da Xunta en Lugo
Lugo, 23 de xullo de 2025. O Vicedo celebra o venres e o sábado a oitava edición da Romaxe Viquinga, que impulsa o concello co apoio da Xunta de Galicia. A Delegación Territorial de Lugo acolleu hoxe a presentación da programación, coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o alcalde do municipio, Jesús Novo, e o dúo Queiman e Pousa, que colabora na organización, entre outros.
O pregón da romaxe terá lugar no exterior da Casa da Cultura do Vicedo ás 20.30 horas do venres, e correrá a cargo do actor e guía turístico Suso Martínez. A actividade continuará nas rúas da localidade con música, combates e exhibicións a cargo das asociacións de recreación histórica Cabaleiros Rías Altas, Hípica Celta, Gandalf e Caballeros Bergidum Templi.
O escenario do sábado será a praia de Area Grande de San Román, que acolle os campamentos viquingo e cristián e as numerosas actividades que se sucederán ao longo da xornada, como obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais, clase de runas, talleres de coiro, contacontos ou un concurso para premiar as mellores caracterizacións.
Ás 12.45 horas comezará o acto principal, o desembarco viquingo; entre os espectáculos destacan tamén unha voda viquinga, o torneo e, xa pola noite, un enterramento. O apartado musical estará cuberto con diversos pases durante o día dos grupos Perkusiona, Pelepau e Asher Sons Folk.
Arias subliñou a “rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que acada a súa oitava edición consolidada como un dos principais reclamos turísticos da Mariña”. Ao respecto, destacou “o empuxe do Concello do Vicedo” e lembrou que a romaxe “contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento”.