Viveiro, 31 de xullo de 2025. O Concello de Viveiro presentou onte a programación da XLV Mostra Folklórica Internacional, un evento xa consolidado como un dos máis importantes da axenda cultural do municipio e que se desenvolverá do 6 ao 10 de agosto. Organizada polo grupo Bágoas da Terra, reúne nesta edición agrupacións procedentes de Galicia, País Vasco, Polonia, Chile, Senegal, Portugal e Murcia.
A Mostra forma parte da rede internacional de festivais do CIOFF, organismo asociado á Unesco, e combina tradición e diversidade cultural a través da música, o baile e o traxe tradicional.
O programa inclúe actividades para todos os públicos, con especial atención á infancia, como a Mostra Infantil o xoves 7 ás 20:30h na Praza Maior, con participación de grupos da Mariña e como convidado especial o grupo vasco Elai Alai Dantza eta Musika Taldea de Portugalete.
O venres 8, ás 22:30h, celebrarase o concerto de música folk a cargo do Grupo Folk “Bágoas da Terra”, que ofrecerá un repertorio que mestura sons tradicionais e composicións propias.
O sábado 9 ás 12:00h, terá lugar o tradicional Desfile das Nacións polas rúas de Viveiro, dende o Conservatorio Profesional de Música de Viveiro. Ca participación dos grupos que forman parte desta edición da Mostra Folklórica Internacional. A continuación a recepción oficial no Conservatorio Profesional de Música. Esa mesma noite, ás 22:00h, o público poderá gozar do espectáculo “Especial Polonia”, a cargo do recoñecido ballet “Zespół Piesni i Tanca ŁANY”, que tamén participará na gala final.
O punto culminante será o domingo 10 ás 20:30h, coa Gran Gala Internacional na Praza Maior, na que actuarán a Compañía de Danzas Tradicionales Kirqui Wayra (Chile), o Ballet Folclórico Jammu (Senegal), o Grupo Etnográfico da Areosa (Portugal), Coros y Danzas Francisco Salzillo (Murcia), o xa citado grupo polaco “ŁANY”, e o anfitrión Bágoas da Terra.
Durante toda a semana tamén haberá audicións musicais polas rúas de Viveiro, nas que os corpos de música dos grupos participantes ofrecerán concertos espontáneos para achegar o folclore ao día a día da veciñanza.
Ademais, do 5 ao 10 de agosto, a Biblioteca Municipal acollerá a exposición “Indumentaria tradicional galaico-asturiana na súa traxectoria do Camiño de Santiago”, aberta ao público.
O Concello de Viveiro anima a toda a cidadanía e visitantes a desfrutar desta cita cultural que promove o intercambio entre culturas, a preservación das tradicións e a convivencia a través da danza e da música.