O Presidente, José Tomé Roca, vén de asinar no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Unión Leiteira Galega, José Manuel Liste Liñares, para manter a asistencia técnica e legal gratuíta que ofrece Ulega aos produtores da provincia
Lugo, 6 de agosto de 2025. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar en San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Unión Leiteira Galega (Ulega), José Manuel Liste Liñares, para manter a asistencia técnica e legal gratuíta que ofrece esta entidade aos produtores de leite da provincia. Un servizo de asesoramento no que a institución provincial inviste 60.000€.
“Esta achega permite costear un servizo fundamental nun momento crítico para o sector leiteiro”, valorou o mandatario provincial, quen explicou que as tensións que existen polas cantidades producidas e os prezos pagados xeran “incerteza” e “desequilibrios no mercado” dunha actividade “que ten un peso específico moi importante para o noso territorio polo que impacta na economía, emprego e demografía”. Segundo as cifras de Ulega, os prezos percibidos polos produtores de leite en Lugo “son historicamente dos máis baixos do conxunto do Estado, sendo unha das provincias líderes no número de explotacións, volume de produción e industrias de transformación”.
Concretamente, esta colaboración beneficiará ás 579 explotacións leiteiras da provincia de Lugo que son membros de Ulega. Porque o investimento da Deputación de Lugo permitirá sufragar os gastos de funcionamento durante o ano 2025 do equipo técnico que se encarga das comisións negociadoras dos gandeiros e cada unha das industrias e primeiros compradores; e de optimizar os custos de produción e estabilizar os prezos de produción das explotacións.
Na actualidade, Ulega conta con 10 oficinas na provincia, nos concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. Desde elas, e mediante o acordo coa Deputación de Lugo, preténdense incrementar o poder de negociación dos produtores e reducir os custes na produción de leite.