Representantes de distintas comunidades recolleron e compartiron tradición oral para incorporar ao novo espazo da Biblioteca Municipal de Burela
Burela, 5 de agosto de 2025. A Casa da Xuventude de Burela acolleu o pasado venres unha actividade aberta e interxeracional para deseñar o Recuncho Multicultural, un novo espazo dentro da Biblioteca Municipal que servirá como lugar de memoria e encontro arredor da tradición oral das distintas culturas presentes no municipio.
Durante a mañá, representantes de colectivos, asociacións e persoas a título individual compartiron contos, relatos, cancións e mitos nas súas linguas de orixe, contribuíndo á creación dun fondo cultural que reflicta a diversidade da comunidade local.
A xornada comezou coa actuación de Hugo e Yanira, da asociación Arume, que tamén recolleron por escrito a súa achega, xunto con outro tema da cultura popular galega. Dende Ledicia e das Grileiras fixeron chegar igualmente contidos semellantes, aínda que non puideron asistir por estar implicadas na organización da Feira do Bonito.
A asociación ASPEBU (Perú) compartiu o mito de El Tumi de Oro e outras referencias culturais peruanas, a través de materiais achegados tamén por persoas particulares.
Dende Batuko Tabanka, María e Antonina presentaron as letras das súas cancións, acompañadas dunha actuación, e, coa colaboración de Denise de DJunta Mao, compartiron as historias do Lobu ku Xybinhu, contos tradicionais caboverdianos de carácter humorístico e infantil.
Tamén se recolleron achegas doutras comunidades. Malick, do centro de refuxiados, presentou contido en Criollo e Wolof, linguas faladas en Guinea Bissau e Senegal. Alexander compartiu unha lenda colombiana, mentres que Macadou e Abdoulaye, de Mali, fixeron chegar vivencias en Bambara e Francés. Tamén Malika, de Marrocos, enviou materiais literarios en árabe, que continuará completando no futuro, tal como explicou.
O tenente alcalde de Burela, Mario Pillado, cualificou a actividade como “un punto de partida xenial para este Recuncho Multicultural que queremos crear” e convidou á veciñanza a participar, sinalando que “animamos tanto os que nos acompañaron este venres na Casa da Xuventude como a todos e todas aqueles que queiran participar compartindo con nós todo o coñecemento que posúen en canto a tradición oral, no seu idioma de orixe e con respecto á cultura popular”.
As inscricións poden facerse de xeito presencial no Concello de Burela e no correo integracioninmigrantes@burela.org. O rexedor rematou afirmando que “todas as aportacións que nos cheguen serán ben acollidas.”