Si, necesitamos unha disrupción.
E que é iso?
Unha ‘rotura ou interrupción brusca’, di o dicionario castelán, adaptación doutro termo inglés, á súa vez doutro latino. Vese que a cousa viuse dende hai tempo, é histórica. Mais en galego parece que aínda non está admitido o termo… e con dificultade, o feito.
E para que?
Para evitar que os nosos pobos ‘turísticos’, ‘en voga’, ‘refuxio climático’, etc, caian en breve (a cousa vai rápido) na irrelevancia do turismo que arrasa o territorio e a nós con el, no fóra de foco do que xa non está ‘de moda’, do que non serve tampouco como refuxio climático porque se autodestruíu.
Por que? De que estou a falar? De pobos como Ribadeo, un dos pobos máis bonitos do Cantábrico, onde o turismo flúe non só polas catedrais senón polas rúas. Onde á masa de xente a mediodía lle importa a praia, pero non a tanta xente como non seguir a ser masa. Onde hai zonas acusticamente contaminadas que o concello se nega a recoñecer como tales, non se vaia alarmar a xente. Onde os usos e costumes locais quedan amedrentados pola invasión visitante. Onde o concello traballa con vistas á xente de fóra, que a local vive como pode e seguirá, suponse. Onde os visitantes, por diversos mecanismos dende o ruído ás colas, pasando polos prezos, producen unha xentrificación que baleira o centro do pobo sen necesidade de que sexan conscientes dela…
Non, o turismo non é a galiña dos ovos de ouro, ao menos para a maioría. Non, cando contribúe a incrementar o prezo dos alugueiros ben por riba dos soldos, dos cafés, ben por riba das pensións, mesmo dos alimentos por riba doutros lugares. A aumentar as infraccións de tráfico ben por riba do número de vehículos e este, ben por riba das persoas que ‘están’ no pobo nun momento dado. E número, o das persoas, que sobrepasa o desexable para manter servizos que sirvan. Turismo que incrementa a perigosidade de darse un baño na praia á que vai a xente do pobo coa idea de mollarse sen ter que pensar nun accidente cunha moto acuática, unha lancha a toda pastilla ou un esquí co patrón da embarcación mirando a figura do esquiador e non para diante.
Non, o turismo non é sexy, non ‘realza o atractivo físico’ dos pobos sen a propia xente dos mesmos, e menos, para a súa xente. Pasa entón a ser un turismo zombi, de masa, de botellón e de ruído, por moi ‘sofisticado’ que sexa. Necesitamos unha disrupción, un cambio rápido de mentalidade, de actitude, de actividade, antes de que sexa demasiado tarde para poder reclamalo.