“Xa o ano pasado intentamos que o goberno local dera explicacións sobre as festas patronais do 2024, pero a concelleira presentou de viva voz unhas contas que se afastaban moito da realidade e que nunca chegou a facer públicas”, explican
Burela, 6 de agosto de 2025. O Grupo Municipal Popular defenderá no pleno municipio de Burela deste xoves unha iniciativa encamiñada a “dotar de maior transparencia ao Concello de Burela” en relación “ás contas dos gastos das festas patronais de Burela deste ano 2025. O que pretendemos é que se fagan públicas”, explica o portavoz.
Os populares reivindican maior transparencia á vista de que, “por desgracia, está ausente neste mandato, xa que aínda temos pendente a actualización do portal de transparencia do Concello de Burela, algo que é obrigatorio por lei e que a alcaldesa aínda non levou a cabo”.
“Xa o ano pasado intentamos que o goberno local dera explicacións sobre as contas das festas patronais do 2024, pero a través dunha pregunta en sede plenaria. Nese momento, a concelleira de Economía e Facenda o que nos presentou foron unhas contas de viva voz, contas que nunca foron publicadas a pesar da nosa insistencia e que eran unhas contas que se afastaban moito da realidade. Non só iso senón que o sumatorio dos gastos alí expostos non coincidía nin de lonxe coas cifras que alí publicamente anunciara o Concello de Burela”, expoñen dende a agrupación local do Partido Popular.
Os populares piden o apoio dos grupos da corporación para “que se publique unha relación de ingresos e aportacións económicas recibidas tanto polo propio Concello como por outras administracións, así como os patrocinadores privados, unha relación de gastos efectuada e desglosada por conceptos, é dicir, forma de actuacións, infraestruturas, publicidade, etc. en caso de que exista copia dos contratos, convenios, acordos firmados en relación a este evento e a indicación das partidas presupostarias municipais que foron utilizadas para o financiamento das festas patronais. Algo lóxico”, inciden.
A proposta dos populares recolle tamén a petición para facer pública esta información na web do Concello, que sexa publicado para que todos os veciños e veciñas de Burela saiban en que se gastan os cartos do Concello, algo que nos parece o máis razoable e algo moi san nun estado democrático”, segundo sosteñen.
“Esperemos que nesta ocasión os grupos políticos todos eles, incluídos os do goberno, apoien esta moción e que se afastan un pouco do escurantismo que están a ter todo este mandato intentando ocultar información constantemente á veciñanza da nosa vila”, conclúen.