Os populares tamén se preguntan se esta decisión responde a un pique entre o PSOE e Vilalba Aberta, que desenvolve na Praza de Santa María as actividades que programa dende as súas áreas de goberno
Vilalba, 13 de agosto de 2025. Os concelleiros do Partido Popular de Vilalba pídenlle ao goberno bipartito que “explique claramente aos vilalbeses se o seu plan para a rúa da Pravia é a peatonalización” á vista dos últimos cortes de tráfico levados a cabo na zona pola programación de actividades musicais nesa rúa.
“Hai dúas opcións: que a intención do bipartito, tarde ou cedo, sexa a peatonalización total da rúa da Pravia ou que esta decisión responda a un pique entre ambas partes do goberno municipal, PSOE e Vilalba Aberta”, que desenvolver na Praza de Santa María as actividades programadas polas áreas nas que goberna.
Os populares tamén condenan que “se pechara ao tráfico unha das principais arterias de comunicación de Vilalba por ofrecer actuacións musicais na propia rúa cando existen espazos públicos nos que desenvolver este e outro tipo de actividades”. De feito, “moi preto atópase a praza da Constitución, un espazo amplo que podían aproveitar”.
Dende o PP subliñan, ademais, que “cortar a rúa da Pravia á última hora da tarde das fins de semana ou festivos non parece a decisión máis acertada” tendo en conta que “é cando os vilalbeses volven á casa despois dunha xornada de praia ou doutras actividades fóra do casco urbano”. É máis, cren que “este goberno non coñece o pobo para o que está gobernando: nin os seus costumes, horarios ou necesidades en xeral”.
Os populares lembran que “primeiro fixeron unidireccional a rúa da Pravia sen avais técnicos sólidos, máis recentemente cambiaron o sentido desta vía e agora péchana ao tráfico en certas horas practicamente sen información e sen ningún tipo de periodicidade concreta. Se o caos circulatorio ten afectado á actividade económica da zona e á mobilidade de Vilalba, con estas decisións parecen insistir en que Vilalba perda aínda máis o seu dinamismo e actividade”.
ACTIVIDADES CULTURAIS
O Grupo Municipal do Partido Popular cre que “se o goberno municipal pretende que os vilalbeses participen nas actividades culturais, deberán programar os eventos en datas e horarios nos que os vilalbeses teñan disposición para asistir. Nas tardes das fins de semana e festivos de verán, os vilalbeses e vilalbesas teñen outras actividades”.