Apenas uns minutos despois das 10 deste venres o 112 Galicia deu curso a unha chamada de alerta por accidente en Lourenzá. Tratábase dun camión que se saíu da vía e foi parar a un pequeno regato apenas sen auga. Sen embargo, o único condutor do vehículo quedou atrapado no interior e necesitou a axuda dos Bombeiros de Barreiros. Cando puido ser liberado, recibiu asistencia médica por parte dunha dotación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 desprazada no lugar dos feitos. Foi a chamada ao 112 dunha persoa particular o que permitiu activar o operativo. Os axentes de Garda Civil de Tráfico, os membros do GES da Pontenova e os voluntarios de Protección Civil da localidade sumáronse a bombeiros e sanitarios para unha áxil atención do ferido e para comprobar o bo estado do regato, libre de verteduras.
