Trabada, 4 de agosto de 2025. A parroquia de Vilaformán acolle desde esta tarde unha nova edición do programa Veiguelleo, unha proposta cultural organizada pola Asociación Cultural O Veiguello coa colaboración do Concello de Trabada. Trátase dunha iniciativa aberta a toda a veciñanza, que este ano volve celebrarse tras o éxito que acadou a edición anterior.
O programa desenvolverase en dúas xornadas principais:
– Luns 4 de agosto, a partir das 17:00 horas, terá lugar o obradoiro Memoráreo, un taller de dixitalización e retoque fotográfico con intelixencia artificial e edición de audio. As persoas participantes poderán levar as súas fotos antigas para conservalas e poñelas en valor.
– Durante estes días, de luns a xoves, celebrarase tamén o Creadoiro Cine do Eo, no que dous artistas convidados, xunto cos cineastas Alfonso Zarauza, Ledicia Sola e Miguel de Lira, gravarán curtametraxes con participación veciñal.
O xoves 7 de agosto, como colofón, o Teleclub de Vilaformán acollerá unha xornada festiva a partir das 20:00 horas. Proxectaranse as fotografías recuperadas e os traballos audiovisuais elaborados ao longo da semana. Despois, haberá churrasco, concerto e un espazo de convivencia no que se anima a achegar algo para compartir no picoteo.
O alcalde de Trabada, Rubén García, salientou que “seguimos apoiando ao tecido asociativo do noso concello. Colaboramos con todas as asociacións e clubs que, coma no caso de O Veiguello, organizan propostas culturais, deportivas ou festivas que enriquecen a vida das parroquias e fortalecen o noso sentido de comunidade”.
Desde o Concello de Trabada e a organización anímase á veciñanza a participar nesta iniciativa que pon en valor a memoria colectiva e a creatividade local.