A Festa da Queima das fachas de Taboada, a Foliada da Fonsagrada, o programa Descubrir Quiroga, a Feira do Queixo do Cebreiro, a Feira da Tenreira de Láncara e Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña son as propostas distinguidas
Lugo, 24 de setembro de 2025. O Pazo de San Marcos acollerá este sábado, 27 de setembro ás 12:00 horas, a VI Gala de Premios de Turismo, que este ano recoñecerá seis iniciativas que contribúen á promoción do territorio e á identidade da provincia. A cita, que promove o Consello Provincial de Turismo, impulsado e presidido pola Deputación, celebrarase no Salón de Actos. A entrada será libre e gratuíta e poderá seguirse en directo na canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais: https://youtube.com/live/t2wdYsBrxY4?feature=share.
A música da guitarrista lucense Iria de Cabo, integrante da Banda da Loba, e a baixista e cantante galega Raquel López, que forma parte de Ginebras, ambientarán este certame ideado para recoñecer as iniciativas que fan do turismo un motor de dinamización social, cultural e económica desde o rural lucense. Accións todas elas que parten do territorio, que poñen en valor o patrimonio, favorecen a sustentabilidade e contribúen á identidade da provincia e a facela máis atractiva como destino diferenciado.
Volvendo a coincidir co Día Mundial do Turismo, esta gala estará conducida polo actor e comunicador Alberte Cabarcos e intercalará as actuacións musicais coas entregas de premios, nas que se presentará un pequeno vídeo de cada candidatura. Os galardoados e galardoadas recollerán un diploma e unha figura de Gundivós como agasallo.
Na categoría Lugo Cambia ao Turismo Lucense, o xurado distinguiu este ano ao programa de actividades Descubrir Quiroga, a festa da Queima das fachas de Taboada e tamén á Foliada da Fonsagrada; na de …E para comer, Lugo á gastronomía lucense gañaron a Feira do Queixo do Cebreiro e a Feira Degustación da Tenreira de Láncara. Pola súa banda, Camiño cara a sostibilidade turística da Mariña Lucense foi a recoñecida polo seu traballo ao Turismo Sostible e o Hotel Mogay recibirá o accésit nesa mesma categoría.





















Dez minutos antes das 21:30 horas do xoves, o 112 Galicia foi informado polo persoal de Adif dun tren detido no medio dun túnel en Mogor, Mañón, debido a unha chapa metálica no medio da vía. Así, aínda que as doce persoas que viaxaban a bordo estaban ilesas, precisaban medios de rescate para baixalas do convoi e desprazalas ata o apeadeiro máis próximo. Nestas tarefas colaboraron a Garda Civil, os Bombeiros do Eume, o GES de Ortigueira e os voluntarios de Protección Civil de Mañón. Finalmente, as persoas foron rescatadas e evacuadas a outro tren, que as levou ata o apeadeiro sen maiores complicacións. Desde alí, continuaron a súa viaxe en taxi.
Competirán durante tres días xunto a outras dezaseis escolas de todo o mundo, elaborando catro propostas de pizza: Polbo á galega, con polbo galego, queixo San Simón e allada picante; Bosque galego, con crema de castañas e mel picante; Terra meiga, con zorza picante; e Rapadoira, con setas, queixo azul e pera. As estudantes viaxan acompañadas pola súa profesora, Conchi Carreiras, coa que levan tempo preparando as receitas. Esta é a terceira participación do IES de Foz neste certame, no que xa acadaron un segundo posto en edicións anteriores. A actividade forma parte do programa Erasmus+ da FP, financiado pola Unión Europea, que facilita a participación do alumnado en competicións de habilidades profesionais por toda Europa.
A xornada comezará ás 12:00 h cun faladoiro titulado “Vizoso e nós”, no que participarán Pepe Penabade, Pepe Blanco, Caxigueiro, Aurelia Balseiro e Mª Cristina Rubal González, moderados por Antonio Reigosa. Ás 13:20 h abrirase a exposición “Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo”, que permanecerá dispoñible durante as festas de San Lucas. A partir das 13:45 h terá lugar o acto de inauguración e descuberta da placa da nova rúa Xosé Vizoso, na Praza da Fonte Vella, coa presenza de autoridades, familiares e amizades do artista. As persoas asistentes recibirán no auditorio unha lámina cunha obra de Vizoso como agasallo.
Ás 15:15 horas deste martes, un particular solicitou asistencia sanitaria tras a caída dun raio no lugar de Castro de Igrexa (Cazás, Xermade). Varias persoas sentiron os efectos da descarga eléctrica e unha delas quedou atolada. Tras dar aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Garda Civil e Protección Civil, a persoa afectada foi evacuada consciente ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
A exposición, instalada no Centro Comarcal Pazo de San Tomé, invita a observar con calma, descubrir historias e poñer en valor un patrimonio vivo que forma parte da nosa identidade. Unha maneira diferente de achegarnos ao mundo rural que tanto significa para As San Lucas.
Co sol ocultándose e a lúa asomando entre as torres de Donlebún, o músico e divulgador reivindicou o poder evocador e transformador do bravú fronte á morriña paralizante. Na sala de lectura da biblioteca, Souto explicou a evolución do rock bravú no imaxinario galego, evocando as músicas populares que acompañaron durante décadas os remolques dos pascualiños e os labores comunitarios, e lembrando a vitalidade de grupos como Skornabois, Diplomáticos de Monte Alto, Xenreira, Zënzar, Pinto de Herbón ou os Rastreiros. A boa lembranza da súa anterior visita levou ao artista a pechar a velada interpretando o “Himno de Ribadeo”, composto por Arturo Mogo, nun final cheo de afecto pola vila e pola súa identidade cultural.
A viaxe, enmarcada no proxecto «Relevo Xeracional: O Futuro do Mar» e organizada en colaboración co GALP Itsas Garapen Elkartea, permitiu achegarse a iniciativas como Kofradia Basque Seafood, a Escola de Pesca de Ondarroa, AZTI, Albaola ou o Itsas Museo de Donosti, así como a proxectos vinculados directamente á actividade pesqueira e á divulgación, incluíndo o uso de realidade virtual. O intercambio con Euskadi permitiu coñecer modelos que combinan formación, investigación, transmisión do coñecemento e modernización do sector, contribuíndo a identificar novas vías para facilitar a incorporación da mocidade á actividade pesqueira e garantir a continuidade das comunidades costeiras galegas.



