Daniel García detallou os obxectivos da convocatoria, dirixida a ganderías de ovino, caprino, porcino e cabalar e aberta ata o 29 de setembro
Mondoñedo, 18 de setembro de 2025. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou esta tarde ás ganderías da Mariña o programa de axudas á gandería extensiva “O que non arde”, promovido pola área de Rural.
O deputado de Rural Daniel García, acompañado por persoal técnico da área, detallou os requerimentos e documentación necesaria para solicitar as subvencións, dirixidas a ganderías con ovino, caprino, porcino ou cabalar e destinadas a financiar investimentos e gastos relacionados co manexo do gando en extensivo.
No encontro, celebrado no Centro de Interpretación Terras da Mariña de Mondoñedo, o responsable provincial explicou que “se trata da sexta edición do programa, que se puxo en marcha en 2020 para contribuír ao aproveitamento e á xestión integral do monte e que se consolidou nestes anos como un instrumento de apoio á gandería extensiva, incorporando medidas demandadas por colectivos e profesionais que traballan no rural, tratando de proporcionar un apoio efectivo a quen estades día a día no territorio”
Daniel García incidiu nas novidades da convocatoria de axudas que “se amplían en contía para financiar elementos custosos como os colares intelixentes ou os pasos canadenses e que este ano poden solicitar tamén por primeira vez as ganderías de cabalar, unha cabana gandeira moi relevante no interior da Mariña”
Tras o encontro informativo, o deputado de Rural achegouse á gandería de porco celta Celtagal, de Nando López, na Couboeira,e á gandería Xan das Bouzas, con gando vacún, cabalar e ovico, en Santa María Maior, beneficiarias das axudas na pasada anualidade.
Convocatoria aberta ata o 29 de setembro
O programa contempla a subvención da compra de pastores eléctricos e accesorios para o seu funcionamento como baterías ou placas fotovoltaicas, a compra e o mantemento de valados móbiles de malla electrificada, de valados fixos electrificados, de colares intelixentes para a monitorización da actividade animal, de refuxios, de pasos canadenses e doutros elementos para silvopastoreo como cepos, curros, mangas, comedeiros e bebedeiros ou pasos canadenses. Ademais, as ganderías poderán financiar gastos complementarios como rozas puntuais para a instalación de sistemas de protección ou a suscrición a aplicacións de monitarización intelixente.
As axudas, en réxime de concorrencia competitiva, poderán chegar a un máximo de 6.000 euros ou 12.000, no caso de solicitudes que inclúan pasos canadenses ou colares intelixentes. Na valoración das solicitudes aplicaranse os criterios establecidos nas bases, que priman o silvopastoreo con animais de razas autóctonas, a condición de explotación prioritaria no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REGA), a ubicación dalgunha das parcelas nas que se desenvolve a actividade en zona de montaña, a pertenza a asociacións de produtores gandeiros ou a titularidade feminina das ganderías, entre outros criterios.
O prazo de presentación de solicitudes abriuse o pasado 2 de setembro e manteresa aberto ata o 29 de setembro. As bases e formularios están dispoñible na web da Deputación de Lugo, no apartado Medio Rural> Subvencións Concorrencia Competitiva> O que non arde.
Reforzo do programa cun investimento de 385.000 euros
A sexta edición do programa conta cun orzamento de 385.000 euros, o triple que na pasada anualidade. Un investimento que reforza a aposta da área de Rural polo pastoreo e a gandería extensiva como actividades estratéxicas para fixar poboación e facer un aproveitamento do territorio que reduza a biomasa no monte e actúe de barreira fronte á extensión dos lumes.
O programa púxose en marcha en 2020 cunha primeira edición centrada na xestión do monte, na que se financiou a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas.
En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes. Beneficiáronse da convocatoria 18 comuneiros a título particular e 7 CMVMC, de Castroverde, Sarria, Ourol, Abadín, Friol, Mondoñedo, Viveiro.
Nas tres últimas edicións, 2022,2023 e 2024, as axudas orientáronse a gandería de cabrún, ovino e porcino, apoiando o desenvolvemento desta actividade con financiamento para investimentos necesarios para o manexo do gando en extensivo. Concedéronse 80 axudas a ganderías das distintas comarcas.
Tendo en conta a contía orzamentada para a convocatoria deste ano, a área de Rural suma un total de 745.000 euros destinados ao programa “O que non arde”, que conta con recoñecemento de diferentes entidades e foros estatais -WWF Adena ou Territorios Pastoreados- como iniciativa institucional de apoio á gandería extensiva