Ribadeo, 3 de setembro de 2025. Acisa Ribadeo súmase á campaña Volta ao Cole – Bonos Deputación Lugo, posta en marcha pola Federación Galega de Comercio e a Deputación Provincial de Lugo, unha iniciativa que repartirá un total de 25.000 euros en premios entre a clientela que merque nos comercios de proximidade da provincia.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, destaca que “esta campaña chega nun momento clave. A volta ao cole é un dos períodos de maior consumo familiar do ano. Con esta acción, á que nos sumamos desde Acisa Ribadeo, queremos premiar ás persoas que confían no comercio de proximidade neste período ao tempo que reforzamos a economía local e provincial”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explica que “entre o 1 e o 30 de setembro, todas aquelas persoas que realicen as súas compras no comercio local poderán rexistrar o seu tícket a través da web https://www.bonosdeputacionlugo.com/voltacole para participar no sorteo de 90 tarxetas de 250 euros cada unha, así como dun premio extraordinario de 2.500 euros. O sorteo terá lugar o 2 de outubro de 2025”.
Pérez Prada anima “á veciñanza de Ribadeo e á súa contorna a facer as súas compras nos establecementos asociados a Acisa, lembrando que cada compra é unha maneira de manter vivo o noso tecido empresarial, xerar emprego e contribuír ao desenvolvemento da vila. Todo o que se precisa para a volta o cole, podes mercalo en Ribadeo e ademais ganar un premio de 250 euros”.
Cruzado Iglesias engadiu que “con esta iniciativa desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo iniciamos a programación de outono, á que chegarán máis novidades ao longo dos vindeiros días. Desde Acisa apostamos por campañas que poñen en valor o comercio local e fomentan un consumo responsable e próximo. Os pobos teñen vida grazas aos negocios locais e por eles seguimos traballando desde o noso colectivo empresarial”.