Trabada, 5 de setembro de 2025. O Concello de Trabada vén de iniciar as obras do proxecto denominado “Aforro enerxético na rede de luz pública dos núcleos do Vilar, Trabada, Vidal, Vilarbetote e Vilafernando”.
Esta actuación, cun orzamento total de 51.608,25 euros, permitirá substituír as luminarias actuais por outras máis eficientes, reducindo o consumo e contribuíndo a unha mellor sustentabilidade ambiental. Para facer fronte ao investimento, o Concello acadou unha axuda de 32.000 euros a través do Fondo de Compensación Ambiental, mentres que os 19.608,25 euros restantes serán asumidos con fondos propios municipais.
O alcalde de Trabada, Rubén García, destacou que “levábamos anos traballando para poder executar esta mellora, e agora, grazas á axuda conseguida, facémola realidade. Desta forma contribuímos a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir custos, ao tempo que seguimos modernizando os servizos básicos das nosas parroquias”.
Desde o Concello subliñan que proxectos coma este forman parte dun plan máis amplo orientado a mellorar servizos e infraestruturas para a veciñanza, apostando pola sustentabilidade e o aforro enerxético.