Santiago de Compostela, 29 de setembro do 2025. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este luns un encontro de traballo coa alcaldesa de Cervo, Dolores García, para afondar en novas vías de colaboración que revertan no impulso da actividade marítimo-pesqueira da localidade mariñá. Na xuntanza, analizaron a evolución das últimas actuacións executadas polo ente público, dependente da Consellería do Mar, como é o caso das obras de mellora dos departamentos de armadores do porto de San Cibrao, e que contaron cunha dotación orzamentaria de 375.000 euros. Esta acción permitiu o acondicionamento de dez destes locais para o uso dos armadores que teñen base neste peirao.
A promoción, exaltación e posta en valor dos produtos pesqueiros típicos da zona, así como as axudas concedidas nos dous últimos anos por valor de máis de 186.000 euros para a dinamización da economía marítima local a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), foron outros dos asuntos abordados por Villaverde e García.