Cervo, 8 de setembro de 2025. O CEIP de Cervo comezou hoxe o curso escolar 2025-2026 cunha actividade moi especial que serviu para presentar ao alumnado o Proxecto Documental Integrado (PDI) deste ano, titulado “De azul e verde: arte e natureza”.
O profesorado do centro realizou unha performance na que se caracterizou como activistas en defensa do planeta, portando pancartas con mensaxes de sensibilización e converténdose en bombeiros contra os lumes, sanitarios do planeta e outros símbolos que representan a loita pola conservación do medio ambiente.
Este proxecto, que se desenvolverá ao longo de todo o curso, busca fomentar a creatividade, a investigación, a autonomía e o uso responsable das novas tecnoloxías, ao tempo que promove o coidado da natureza, a vida saudable, a convivencia positiva e o respecto pola cultura, arte e lingua galega.
Desde o centro destacan que esta posta en escena inicial é unha chamada á acción para toda a comunidade educativa: “Queremos que os nenos e nenas tomen conciencia da importancia de coidar o planeta e que se sintan protagonistas na busca de solucións aos retos ambientais actuais”.
Con este simbólico inicio, o CEIP de Cervo reafirma o seu compromiso coa educación integral do alumnado e coa necesidade de formar cidadáns responsables, creativos e comprometidos co futuro do planeta.