Así o establece o Regulamento Orgánico Municipal; sen embargo, en aras da máxima transparencia, a alcaldesa xa convocou unha reunión de portavoces para informar sobre o tema o xoves 18 de setembro
Viveiro, 16 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro informa de que a solicitude presentada polos grupos municipais do PSOE e do BNG para a celebración dun pleno extraordinario no que se informe sobre o vertido de purín ao río Landro que se produciu hai unas semanas está fóra de lugar. Tal e como establece o Regulamento Orgánico Municipal (ROM), este tipo de solicitudes non se tramitan mediante pleno extraordinario, senón que deben incorporarse á orde do día da seguinte sesión ordinaria.
Segundo o artigo 41 do ROM, as comparecencias deben ser incluídas nun pleno ordinario sempre que se presenten con dez días hábiles de antelación á convocatoria. No caso contrario, quedan pendentes para a seguinte sesión plenaria. Polo tanto, a petición formulada por PSOE e BNG quedará incorporada ao pleno ordinario do 1 de outubro, no que, de acordo co artigo 40, deberá ser acordada por maioría simple.
Con todo, e co obxectivo de garantir a máxima transparencia, a alcaldesa convocou xa unha reunión de voceiros para este xoves 18 de setembro. Nela darase conta da información dispoñible ata o momento sobre o vertido que este verán provocou importantes incidencias no subministro de auga en Viveiro.
O equipo de goberno subliña que non hai nada que ocultar e lamenta que a oposición trate de confundir á cidadanía cunha petición que non se axusta á normativa, cando o procedemento está claramente regulado.