Burela, 1 de setembro, 2025. O Torneo Burela Bonita será o partido de presentación do equipo masculino do Burela FS á afección, que se xogará este mércores día 3 de setembro ás 20.30h en Vista Alegre e a entrada será gratuíta.
Presentación Trofeo Burela Turismo de Galicia
Esta mañá fronte á praia Urbana de Burela, celebrouse un acto para presentar o encontro, ao que acudiron, por parte do Concello de Burela, o Concelleiro de Deportes, Carlos Méndez e o Concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, así coma o Tenente de Alcaldesa, Mario Pillado. Por parte do club visitante, o Kuwait FA, acudiron o adestrador ferrolán, Bruno García acompañado por persoal do corpo técnico do club kuwaití. Por parte do CD Burela FS acudiron á cita o presidente José Luis Sáez e os directivos Marcelino Luna e Juan López, ademais do adestrador David Rial, o capitán do equipo Pitero e unha das novas fichaxes, Izan.
Tras as diferentes intervencións por parte das tres institucións participantes, Concello de Burela, CD Burela FS e Kuwait FA, nas que se agradeceron as diferentes contribucións que deron a oportunidade de celebrar este Trofeo, procedeuse á realización da fotografía oficial na que participaron todos os asistentes mostrando o cartel do evento e as camisetas dos dous clubs participantes.