O investimento é de 107.667,19 euros e o obxectivo é eliminar os vertidos de augas residuais ao medio natural
Viveiro, 11 de setembro de 2025. O Concello de Viveiro vén de poñer en marcha as obras de substitución do colector de saneamento no ámbito do río de Loiba. O investimento é de 107.667,19 euros e o prazo máximo de execución será de dous meses.
A intervención ten como obxectivo eliminar os vertidos de augas residuais ao medio natural provocados polo deterioro da rede municipal, que superou a súa vida útil. O novo colector, que presentará un trazado alternativo e disporá de materiais máis duradeiros, permitirá garantir o correcto funcionamento do sistema de saneamento e protexer o ecosistema fluvial.
Os traballos inclúen a instalación dunha canalización provisional para manter o fluxo do río durante a obra, así como medidas específicas para minimizar o impacto ambiental.
A alcaldesa Mariña Gueimunde destacou que «con esta actuación, damos un paso decisivo para mellorar a calidade ambiental do río de Loiba e da praia de Covas para protexer a saúde pública e cumprir coa normativa ambiental e sanitaria vixente».